Bodegas Cunqueiro e ‘Perrito Piloto’ cautivaron ao público de “CatArte”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Bodegas Cunqueiro ofreceu onte a segunda sesión do ciclo “CatArte”, unha degustación e presentación de catro dos seus viños brancos máis representativos: os monovarietais Cunqueiro Treixadura, Máis de Cunqueiro Torrontés e Godello e o plurivarietal Cunqueiro III Milenium. César Fernández, responsable comercial e de márketing da adega foi o encargado de guiar a ampla cata, seguida dun animado concierto do dúo guitarra e violín Perrito Piloto. O evento, con aforo completo, incluiu a degustación dos catro viños harmonizados coas versións instrumentais de diversos estilos e celebrouse no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, onde estivo arroupado pola exposición fotográfica ‘O anxo que nunca fun” de Manuel Outumuro.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Nesta décima edición continuaron as catas solidarias e toda a recadación da venda de entradas solidarias irá destinada integramente á Asociación Aixiña de Ourense. Esta entidade xestiona un Centro Especial de Emprego sen ánimo de lucro para a inserción laboral das persoas con discapacidade, que inclúe a todo o persoal que traballa na Asociación e que lles permite dar continuidade aos diferentes programas, actividades e servizos. Xeran valor ao ofrecer un proxecto diferente que ofrece calidade, compromiso e profesionalidade na prestación dos servizos. Hoxe é unha realidade socialmente responsable e un referente na creación de emprego para persoas con discapacidade e na busca de alternativas e novos proxectos dende unha concepción global, interdisciplinar e innovadora que entende a diversidade e a igualdade de oportunidades como un factor de cambio social e participación das persoas con discapacidade.

O ciclo celébrase durante tres días no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, os xoves do 14 ao 28 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con actuacións musicais. O seu aforo está limitado a 100 persoas por día, e as entradas solidarias, cun custo de 5€ por persoa, véndense a través da plataforma en liña “Entradium”. Para rematar esta décima edición, o broche final será o xoves 28 de novembro da man de Bodegas Alanís, que fará unha cata de tres dos seus viños en sintonía gastronómica xunto coa actuación musical de En Mala Hora.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------