Bodega Alanís presentou onte os seus viños brancos Gran Alanís e AmaVida Treixadura e a súa novas elaboración Gran Alanís Castes Brancas da man do seu enólogo, Antonio Muñoz, para unha sala repleta na última sesión da décima edición do ciclo “CatArte”. Nesta ocasión, os viños estiveron harmonizados con petiscos gastronómicos e acompañados polas versións musicais do grupo ourensán En Mala Hora, intercalando temas coñecidos de discos de grandes estrelas do rock and roll e do blues. Clásicos nacionais e internacionais con algunha que outra sorpresa, coma un quiz con preguntas relacionadas co mundo do viño. O evento, con aforo completo, incluiu a degustación dos tres viños harmonizados gastronomicamente ao son de En Mala Hora e tivo lugar na primeira planta do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, onde está situada a exposición fotográfica ‘O anxo que nunca fun” de Manuel Outumuro.
Fundada no 1910, Bodega Alanís leva máis de 100 anos creando viños singulares e de calidade. O segredo dos seus longos anos di bo facer: unha coidada selección de uva en orixe, potenciando as variedades autóctonas, como a Treixadura ou o Godello e un refinado proceso de elaboración fusionando a tradición e a vangarda tecnolóxica. O grupo musical En Mala Hora ofreceu aos asistentes unha xornada moi animada para enriquecer con máis aromas e sabores unha experiencia vitivinícola da máis alta calidade. O encanto da sala do Centro Cultural xunto coas sensacións da degustación dos viños de Alanís e as impresións do rock and roll e do blues confluíron nunha maridaxe harmónica que non deixou indiferente a ninguén entre o público.
Nesta décima edición continuaron as catas solidarias e toda a recadación da venda de entradas solidarias irá destinada integramente á Asociación Aixiña de Ourense. Esta entidade xestiona un Centro Especial de Emprego sen ánimo de lucro para a inserción laboral das persoas con discapacidade, que inclúe a todo o persoal que traballa na Asociación e que lles permite dar continuidade aos diferentes programas, actividades e servizos. Xeran valor ao ofrecer un proxecto diferente que ofrece calidade, compromiso e profesionalidade na prestación dos servizos. Hoxe é unha realidade socialmente responsable e un referente na creación de emprego para persoas con discapacidade e na busca de alternativas e novos proxectos dende unha concepción global, interdisciplinar e innovadora que entende a diversidade e a igualdade de oportunidades como un factor de cambio social e participación das persoas con discapacidade. En xaneiro do vindeiro ano farase entrega do cheque con todo o recaudado da venda de entradas solidarias así como das aportacións de todos os asistentes durante as tres xornadas que abarcou o ciclo. O evento de entrega celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel.