A voceira do grupo municipal do BNG do Carballiño, Sofía García, vén de solicitar por rexistro unha xunta de portavoces do Concello para abordar a problemática pola que están pasando as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Carballiño. “Dende o BNG estamos moi preocupados pola situación, razón pola que vimos de demandar a convocatoria deste órgano colexiado para poder coñecer de primeira man as razóns da situación de impagos que padecen as traballadoras deste servizo”, apuntou Sofía García.
As traballadoras deberían ter que cobrar entre os días 1 e 4 deste mes e aínda non obtiveron resposta de cando se producirá o pago dos seus salarios, e, por elo, a voceira nacionalista tamén instou ao equipo de goberno de PP e PSOE a actuar con celeridade para resolver esta problemática para asegurarse que as traballadoras perciban a maior brevidade posible os salarios que lles corresponden.