O BNG demanda incentivar o comercio local do Carballiño coa posta en valor de produtores locais e a dinamización da Praza de Abastos

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A portavoz municipal do BNG do Carballiño, Sofía García, vén de rexistrar unha moción de cara o vindeiro pleno do Concello na que solicita implementar medidas para mellorar o comercio local, “pois son os negocios e as tendas familiares as que contribúen de xeito fundamental a manter a economía local e a mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza” indica a voceira nacionalista. Sofía García demanda da Corporación Municipal  que se organicen campañas de sensibilización e promoción do comercio local, fomentar o coñecemento dos nosos produtores  locais e darlle a difusión precisa entre a veciñanza  e os comercios locais favorecendo as sinerxias entre os mesmos. E xustifica esta petición afirmando que é “durante o período festivo de Nadal cando é especialmente importante lembrar o valor dos negocios locais e a necesidade de apoiar aos nosos veciños e veciñas comerciantes e produtores, sobre todo porque a calidade, a proximidade e a confianza son os valores engadidos que fan único o noso comercio local que non se pode atopar nos descontos das grandes superficies”.

Dende o BNG tamén piden ao Concello do Carballiño que implemente todas as medidas necesarias para poñer en valor os postos da Praza de Abastos, o comercio de proximidade e os produtos locais co obxectivo de fortalecer e dinamizar a nosa economía local. “Fomentar a economía de proximidade xerar tecido produtivo, pois o local favorece a economía, xera emprego no territorio e favorece produtos de maior calidade”, declara García. A Praza de Abastos é de vital importancia, sinalou a voceira do BNG, polo que compre poñela en valor e convertela nun lugar atractivo e cheo de vida. Por esta razón dende o BNG do Carballiño aportan diversas propostas de cara o vindeiro pleno do municipio co que acadar este fin. Entre elas, a realización de eventos temáticos e actividades culturais neste mercado público cos que promover interaccións entre produtores e consumidores, actividades que poderían incluir feiras gastronómicas, demostracións culinarias, concursos ou palestras sobre alimentación saudable.

A mellora da imaxe e das infraestruturas da Praza de Abastos tamén é unha das propostas fortes que o grupo municipal nacionalista aporta na súa moción ao pleno, ao propor unha remodelación integral que inclúa a modernización dos locais, e servizos como estacionamentos gratuítos ou wifi. Todo isto orientado a crear unha contorna máis acolledora e confortable, informa a voceira do BNG, que tamén inclúe entre as súas propostas promover a diversidade de produtos dispoñibles na praza a través do establecemento de convenios con produtores locais para que poidan ofrecelos no mercado de abastos. Sofía García remata sentenciando que “a aposta das institucións públicas debe ser pola sustentabilidade, polo próximo, polo local porque tamén é a mellor maneira de contribuír todos e todas apoiando un comercio de gran calidade”.