A Xunta iniciará esta semana novos traballos de limpeza nas marxes da autovía autonómica O-902 ao seu paso polos concellos do Carballiño e O Irixo.
Ademais, continuarán as tarefas de roza e limpeza que se realizaron nas estradas autonómicas das provincias da Coruña e Lugo nas últimas semanas, concretamente na estrada Ferrol-Vilalba, a AG-64, nos concellos de Narón e San Sadurniño; e na estrada LU-160, en Mondoñedo e Alfoz.
Na provincia de Pontevedra continuaranse as obras nas marxes da autovía de altas prestacións VG-4.6, que une os concellos de Cangas e Bueu; e no Morrazo (CG-4.1.), en Moaña e Cangas.
Prevención e reforzo da seguridade
Estas actuacións enmárcanse no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa na marxe das estradas autonómicas, que supón un investimento próximo aos 3 millóns de euros para os próximos dous anos.
Os traballos consisten no rozamento da vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e rotondas, e na substitución ou reparación de elementos de valado perimetral das vías.
O Goberno galego, con este programa, continúa intensificando as súas actuacións para previr o risco de incendios e contribuír ao reforzo da seguridade viaria aumentando a visibilidade e as actuacións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.