O delegado territorial da Xunta explicou hoxe no IES Carlos Casares de Viana de Bolo esta nova iniciativa que busca dar a coñecer entre a mocidade galega os seis parques naturais de Galicia
- Os interesados poden enviar as súas propostas para Instagram, TikTok e YouTube ata o vindeiro día 3 de marzo e os tres gañadores recibirán como premio unha excursión guiada para toda a súa clase a un destes espazos protexidos
- Manuel Pardo salienta a importancia deste tipo de actividades para implicar e concienciar ás novas xeracións sobre a riqueza natural e a biodiversidade galegas
Ourense, 17 de decembro de 2024.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao IES Carlos Casares do concello de Viana do Bolo, acompañado do seu alcalde, Andrés Montesinos, para animar ao alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) a participar na primeira edición do concurso #ParqueVibras,organizado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
A finalidade do mesmo é inspirar aos mozos a reflexionar sobre o valor e a importancia dos 6 parques naturais de Galicia —Fragas do Eume; Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Baixa Limia-Serra do Xurés; O Invernadeiro; e Enciña da Lastra— a través da realización de vídeos orixinais para Instagram, TikTok ou YouTube.
O delegado territorial explicou hoxe a iniciativa, que conta cunha páxina web propia para canalizar toda a información dispoñible e xestionar as inscricións dos participantes, que se poderán facer tamén a través do centro educativo.
Neste sentido, explicou que o prazo para poder participar—de forma individual ou en grupo— xa está aberto e permanecerá así ata o próximo 3 de marzo. Os vídeos propostos deberán incluír no momento da súa publicación en calquera das tres redes sinaladas os seguintes hashtags obrigatorios: #ParqueVibras, #ConcursoNaturezaGalicia e #DescubreParquesGalicia.
Así mesmo, o representante do Goberno galego indicou que aínda que a temática terá que estar relacionada en todo caso coa Rede de parques naturais de Galicia, os participantes terán liberdade para xestionar os contidos, que poderán incluír imaxes dalgunha ruta peonil, bailes, gráficos ou memes, entre outros elementos.
Haberá tres categorías: creatividade, viralidade e valor divulgativo. O día 22 de abril daranse a coñecer os 12 finalistas —4 para cada unha delas— e a partir de aí escolleranse os 3 vídeos premiados tendo en conta cal foi a proposta máis orixinal, a que recibiu un maior número de likes e a que contribúe a difundir mellor os valores do noso patrimonio.
O concurso finalizará cunha gala de entrega de galardóns prevista para o 24 de maio, coincidindo coa celebración do Día Europeo dos Parques Naturais, e os tres gañadores recibirán como premio unha excursión guiada a un destes espazos protexidos para todos os alumnos da súa clase.
Ao respecto, Manuel Pardo salientou que o obxectivo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático con este concurso é dar a coñecer o patrimonio natural galego entre o alumnado galego de Ensino Secundario.
Neste sentido, salientou a importancia deste tipo de actividades, que animan a participar á xuventude apelando ao seu lado máis creativo e aos seus coñecementos sobre as redes sociais para sensibilizalos e “espertar a conciencia ambiental” das novas xeracións sobre a riqueza do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.