O Psdeg-Psoe de Ourense advirte que non consentirá que se “elimine” o facultativo do centro de saúde de Trasmiras e esíxelle a Núñez Feijóo a súa reposición “inmediata”

Os socialistas anuncian que levarán ao Parlamento de Galicia varias iniciativas para “pór freo ao desmantelamento sanitario” que o PP está levando a cabo na sanidade pública da provincia de Ourense

O deputado ourensán, Juan Carlos Francisco, demanda que “non desmantelen os poucos servizos que quedan no rural” e pídelle o líder do PP que “poña fin a súa política aniquiladora na provincia”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de anunciar que non consentirá que se “elimine” o facultativo do centro de saúde de Trasmiras e esíxelle ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez a súa reposición “inmediata”. Os socialistas anuncian que levarán ao Parlamento de Galicia varias iniciativas neste senso para “pór freo ao desmantelamento sanitario” que o PP está levando a cabo na sanidade pública da provincia de Ourense.

O centro médico de Trasmiras leva case dúas semanas sen facultativo no centro de saúde, debido que a médica que exercía neste centro está de baixa por motivos médicos. Dende o 13 de xullo os veciños e veciñas de Trasmiras que precisan recibir atención médica ou pasar consulta deben desprazarse ata os municipios limítrofes de Xinzo de Limia e Sarreaus o que supón, en palabras dos socialistas, “un agravio para a poboación, especialmente para os maiores que teñen que depender dalgún familiar para poder desprazarse e ser atendidos”.

O deputado autonómico do PSdeG-PSOE de Ourense, Juan Carlos Francisco, explica que os socialistas demándanlle ao goberno galego e o seu presidente que “non desmantelen os poucos servizos que quedan a día de hoxe nos concellos do rural de Ourense como Trasmiras”. Tamén apunta que de seguir neste camiño, “Feijóo conseguirá que a provincia de Ourense desapareza dentro de 20 anos” e pídelle ao líder do PP que “deixe a súa política aniquiladora contra o rural ourensán”.

Francisco subliña que a Xunta de Galicia “está debilitando e desmantelando a sanidade pública cunha forma de actuar nunca antes vista” e afirma que dende o ano 2009 ata o día de hoxe en Galicia “hai 1.000 facultativos menos na atención primaria”. Unha situación que para o parlamentario dos socialistas ourensáns “afecta aos concellos máis pequenos do rural, e de xeito especial aos de Ourense, onde perdemos poboación a pasos axigantados e contamos coa poboación máis envellecida”.

Os socialistas consideran que o caso do centro de saúde de Trasmiras “é un evidente ensaio para probar que acontece ao eliminar o médico do centro de saúde”. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense fan fincapé neste feito e alegan que “senón se cubre unha baixa médica como acontece en Trasmiras ou as vacacións dos facultativos, casos que vemos noutros centros de saúde da provincia, claramente o que se está é ensaiando a ver que sucede e se hai ou non reacción para no caso de non ser así, aglutinar a todos os pacientes en centros de saúde doutros municipios”.