O Arenteiro cae nun mal partido ante o Zamora (3-0)

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Club Deportivo Arenteiro despedíu este ano onte, domingo, cunha abultada derrota (3-0) no campo da Ruta de La Plata ante o Zamora Club de Fútbol, na 18ª xornada do Grupo 1º da Primera Federación. Un partido para esquecer no almanaque desta tempada, na que o conxunto verde non foi capaz de dobregar aos castelán-leoneses, que protagonizaron un xogo combinativo de moi alta calidade, que seguramente o levarán máis arriba na clasificación. Asemade, por parte do equipo do Carballiño hai que lamentar a lesión do xogador asturiano Mangel, que sufría no minuto 11 un choque coa súa testa co defensa zamorano Carlos Gutiérrez. Se ben aguantou ata o remate da primeira parte cunha vendaxe, tivo que ser substituído na segunda ao sentir mareos no vestiario e trasladado ao hospital da cidade anfitriona.

O encontro tivo un dominio alterno ata o minuto 51, cun remate de cabeza de José Carlos para facer o 1-0. O segundo chegaría no minuto 63, cun penalti forzado por Joao Días ao derribar a Roni, que executa Kike Márquez (2-0). No minuto 70, un pase de Carlos Ramos facilitou que Joel Priego batese a Diego García cun disparo a media altura para o que sería o 3-0. Os carballiñeses abusaron da comisión de faltas ao longo desta segunda metade, de xeito que o árbitro non perdonou a Adrián Cruz o seu segundo cartón amarelo, polo que foi expulsado.

O propio adestrador do Arenteiro, Raúl Jardiel, recoñecía ao remate do partido que “o Zamora foi superior dende o minuto un ao noventa”. Asemade, lamentaba que “creo dimos a versión máis baixa que temos”, e engadía que “temos que ser moito máis competitivos neste tipo de partidos nos que o rival xoga ao longo do campo con pases longos”. Deste xeito, o conxunto verde ocupa agora o 8º posto da clasificación, con 26 puntos, tres puntos máis cá o Zamora, agora undécimo, e desfrutará das vacacións de Nadal e Reis ata o mes de xaneiro, no que disputará o derradeiro partido da primeira volta da competición. Será o venres, 10 de xaneiro, ás 20,30 horas, no campo municipal de Espiñedo, fronte ao Fútbol Club Andorra, na 5ª praza da táboa tras vencer 2-0 ao Amorebieta.