Cinco coros infantís e xuvenís e dúas corais polifónicas participaron na segunda edición do “Festival Nadal Coral”, que tivo lugar na tarde de onte no templo da Veracruz, baixo patrocinio da Federación Coral Galega (Fecoga). As mesmas agrupacións protagonizan hoxe, luns, outro concerto ás 20,15 horas na igrexa de Santa Eufemia de Ourense. A igrexa parroquial de San Cibrao foi escenario onte da actuación do Orfeón do Carballiño e a coral polifónica Gaudeamus, ademais dos coros infantís e xuvenís Cantiga, EnHarmonía e dos colexios Vila do Arenteiro, Terras e Maside e La Purísima, totalizando un total de 180 voces cantoras.
O obxectivo é que non se perda a tradición de cantar panxoliñas e fomentar o canto coral entre os máis cativos, ademais de ter unha experiencia interxeracional con varios grupos de idades.Neste sentido, a directora das corais Gaudeamus e Cantiga, Cristina Rodríguez, valorou a importancia desta iniciativa, “xa que o canto é unha ferramenta educadora moi potente e actividades coma ésta son interesantes para o seu fomento entre os máis cativos”. Un festival que, tamén, “é unha xornada de convivencia para os rapaces, aos que lle hai que agradecer a súa entrega ao canto coral, aos que llo hai que agradecer, e tamén aos seus pais e nais pola axuda que aportan”, apuntaba Christian Casas, director do Orfeón e do coro EnHarmonía.