A saga cinematográfica da “Guerra das Galaxias” (Star Wars), ademais de converterse nun dos referentes históricos da ciencia-ficción no audiovisual, tamén está acompañada por unha xa famosa banda sonora creada polo compositor John Williams. Éste será o argumento do concerto que protagonizará a Xove Orquestra Ourensanía o vindeiro domingo, dende as 7 da tarde, no Auditorio Manuel María do Carballiño e con entrada totalmente libre e gratuíta. Esta actividade, enmarcada na programación do ‘Nadal Cultural’ do Concello do Carballiño, foi presentada hoxe polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o director da agrupación musical, José Luis Tielas.
O responsable municipal de Cultura destacou a traxectoria de Tielas, tamén director da Agrupación Musical da Limia, xa habitual nas festas patronais de San Cibrao, e, neste sentido, agradeceu “a súa participación na cultura carballiñesa”. Engadíu que “este concerto é un complemento importante da nosa programación de Nadal e ofrece a oportunidade de escoitar as bandas sonoras de Star Wars”. Pola súa banda, José Luis Tielas destacou que “a Xove Orquestra é un proxecto a nivel provincial que representa unha boa saída para o alumnado dos conservatorios e escolas de música de Ourense, coma é o caso de Celanova, Xinzo, O Barco ou Allariz, entre outros, e co financiamento da Deputación”.
Un total de 62 instrumentistas integran esta orquestra, que interpretarán as bandas sonoras de “Star Wars”, “nun escenario bastante impactante con iluminación e proxección de imaxes das personaxes destas películas, unha oportunidade fantástica para vir este domingo ao Carballiño”, según adiantou o seu director.
A área de Cultura do Concello do Carballiño tamén ten programadas para esta fin de semana dúas actividades no Auditorio Manuel María. A primeira terá lugar mañá venres, día 27, ás 6 da tarde, co musical infantil “O mundo dos bonecos”, que correrá a cargo de Discobery Producciones para público infantil e familiar. E o sábado, día 28, ás 7 da tarde, será o turno do artista Tony Vergara e o seu tributo ás cancións de Antonio Machín.