Achegando condicións para que as persoas engadan valor á súa vida e á doutras persoas

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Tres anos estivemos traballando para desenvolver o proxecto piloto de “Biocoidados: novos modelos de coidados prestados pola comunidade, centrados na persona, en contornas rurais”. Agora pechamos un ciclo que foi máis que un proxecto piloto; foi un camiño cheo de aprendizaxes, esforzos e colaboración, onde traballamos en equipo para contribuír na mellora das condicións de vida de persoas que se atopaban en situacións de vulnerabilidade e exclusión social.
Ao longo destes anos, entre outras moitas accións, coñecemos a 59 persoas, 59 historias, 59 vidas. Vimos a familias e a amizades reencontrarse, facendo máis fortes os seus vínculos, a moitas persoas loitando e conseguindo os seus obxectivos de vida e á comunidade implicándose, demostrando así a importancia da axuda mutua. Presenciamos a creación de novos vínculos en cada saída e actividade que fixemos. Cada historia de superación, cada pequeno logro, foi un recordatorio do poder  transformador da solidariedade e o compromiso.
A celebración do acto de clausura de Biocoidados, non é o fin, senón o punto e seguido de novas oportunidades, porque as sementes que plantamos e coidamos seguirán a crecer grazas a cada persoa, ó compromiso, ó apoio e á amizade.
Dise que os espazos que habitamos tamén nos nutren. Si, a nosa participación en Biocoidados tivo de todo. Logramos como CDR achegar condicións para que as persoas engadiran valor á súa vida e á doutras persoas. E sacar aprendizaxes de todo tipo; algúns dos que saímos feridos, frustrados. Imos ver se estas aprendizaxes por escarmento, indesexables, tamén nos axudan a non repetir o que fixemos mal. O tempo dirá se somos quen de aproveitalas como é debido. Moita retroalimentación xa foi chegando coa avaliación continua e interna e tamén agora coa final e externa (que finalmente fixo unha empresa e non as universidades como deseñaramos).
A participación nas Comunidades de Aprendizaxe orientadas á práctica, o vernos reflectidos (dalgún xeito) na Estratexia para un novo modelo de coidados na comunidade: un proceso de desinstitucionalización (2024-2030) presentado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030… parecen logros soñados. E quedámonos con isto, co valor da xenerosidade dende a responsabilidade. Porque non queremos ser unha substitución de quen debe facelo, si un suplemento. O que achega a comunidade, os coidados naturais, invisibles… porque, non o esquezamos, necesitámonos.
Continuaremos a traballar para contribuír a construír unha sociedade máis xusta e inclusiva dende os nosos respectivos espazos; seguimos a promover o respecto, a empatía e o apoio mutuo coma pilares fundamentais do noso facer.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Enlace á entrevista con Tamara, presidenta de COCEDER e xerente do CDR Portas Abertas (Vilardevós) onde tamén se estivo desenvolvendo o P. Biocoidados