Este sábado participarán na xornada, aberta ao público, o catedrático de Medicina Legal e experto en Xenómica, Ángel Carracedo; a vicepresidenta da Sociedade Española de Medicina de Familia, Susana Aldecoa; o secretario de Estado de Sanidade, Javier Padilla; a conselleira de Dereitos Sociais de Asturias, Marta del Arco; o presidente de Cocemfe, Anxo Queiruga; o catedrático de Medicina Antonio Pose, ou o ex ministro de Sanidade José Miñones, entre outros
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asistirá mañá xoves á concentración para reclamar a xestión cen por cen pública do Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade de Ourense, convocada pola plataforma ProCAPD
Ourense, 8 de xaneiro de 2025. O ciclo do PSdeG “Diálogos con Raíz” reunirá este sábado, 11 de xaneiro, en Ourense a destacados expertos e expertas dos ámbitos sanitario e do benestar social para debater sobre a situación de Galicia en ambos eidos e os retos que enfronta. O portavoz da Executiva, Julio Torrado, e a deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta presentaron hoxe xunto á portavoz municipal, Natalia González, e a deputada no Congreso Marga Martín a xornada, que se desenvolverá no Hotel Barceló a partir das 10.30 horas.
Tal e como explicou Torrado, estes encontros, que concluirán o 1 de febreiro, están inscritos no traballo “precongresual” do partido, que culminará no 15.º Congreso Nacional os próximos 8 e 9 de marzo. Como coordinador do relatorio marco, explicou que o documento que se vai presentar ao máximo órgano do PSdeG vai ser “valente e coherente, e intentará poñer a Galicia real no eixo das cuestións, algo que non está ocorrendo” por mor das políticas do PP dende a Xunta.
Os “Diálogos con Raíz” tratan de afondar “nas cousas que importan coa xente que sabe” para dar contido ao relatorio político. E, nese senso, cualificou de “clave” a xornada de Ourense, xa que vai dirixida “a dous eixos da política socialista, como son a sanidade e a política social”. Julio Torrado explicou a elección de Ourense para o encontro deste sábado porque a cidade é representativa deses desafíos da Galicia real “que o Goberno galego non atende”.
“O PP esquece os problemas da xente”
“O Partido Popular esquece os problemas da xente. Hai un Rueda que pon xerseis de Nadal e fai anuncios coma se quixera vender lotaría, pero nós o que queremos é falar dos dereitos que as persoas teñen e que non están recoñecidos”, afondou o portavoz da Executiva. Dentro deses dereitos puxo como exemplos a accesibilidade do sistema sanitario, “con demoras que non tiña antes”; problemas graves en atención primaria e saúde mental, ou problemas dos concellos para prestar servizos sociais porque non obteñen da Xunta financiamento dabondo.
Torrado detallou o cadro de relatores “de moitísimo nivel” que van participar na xornada, que presentará a portavoz municipal do PSdeG, Natalia González, e pechará o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro.
A primeira mesa, que moderará o ex ministro de Sanidade José Miñones, contará entre os seus participantes co secretario de Estado de Sanidade, Javier Padilla, “que, obviamente, non pertence ao Partido Socialista”, lembrou Torrado para remarcar que entre os obxectivos de “Diálogos con Raíz” está “abrir o marco” e “escoitar todas as posturas”, non só “as de dentro do partido”. Complétana o catedrático de Medicina Legal da USC e experto en xenómica Ángel Carracedo, “probablemente o galego máis próximo ao Premio Nobel”; Susana Aldecoa, médica e vicepresidenta da Sociedade Española de Medicina de Familia, “unha das entidades con maior coñecemento da realidade da atención primaria”, e Antonio Pose, catedrático de Medicina da USC, ex xefe de medicina interna do CHUS “e un dos internistas máis reputados de Galicia”.
Na segunda mesa, centrada na política social, participarán Marta del Arco, conselleira de Dereitos Sociais e Benestar do Goberno de Asturias, “unha comunidade exemplar”, e Anxo Queiruga, presidente de Cocemfe e “unha persoa de referencia” polo seu traballo. Xunto a eles estarán Silvia Longueira, portavoz de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento galego e exconcelleira dese ámbito na Coruña, e Uxía Oviedo, alcaldesa de Maceda, co que se complementarán as visións “dunha cidade e unha poboación pequena”.
“Invito á conselleira de Política Social e ao conselleiro de Sanidade a que veñan escoitar, porque creo que están moi acostumados a falar, pero pouco a escoitar”, dixo Julio Torrado tras asegurar que a xornada de “Diálogos con Raíz” en Ourense é “un verdadeiro luxo” e lamentar que “moitos colectivos da política social están a pedir a dimisión da conselleira, probablemente con moita razón”.
Unha discriminación “que non se pode consentir”
Pola súa banda, Carmen Rodríguez Dacosta indicou que o debate do sábado chega a Ourense nun momento no que goberna a cidade “un alcalde completamente afastado da realidade e da política social” e no que se está a dirimir unha cuestión “vital” para o municipio e a provincia, como é “a decisión de Rueda e da conselleira de que o centro de atención para persoas con discapacidade non sexa de xestión pública directa, como acontece no resto de provincias galegas”. Iso supón, dixo, “unha discriminación máis para a cidade de Ourense que non se pode consentir”.
Dacosta avanzou que, por ese motivo, o secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, estará mañá en Ourense respaldando á plataforma ProCAPD na concentración que o colectivo convocou para as oito da tarde fronte á sede da Xunta (Casa de Chocolate). “Besteiro estará cos pais e nais apoiando esta reivindicación tan importante para toda a provincia”, afirmou.
A deputada socialista criticou que, tras “unha loita titánica” para conseguir ese centro na cidade, o PP queira “beneficiar sempre aos mesmos”. É unha “afronta” á que “hai que responder” para que Rueda e a conselleira “reconsideren a decisión”. Por ese motivo, fixo un chamamento a asistir á protesta.