Espazo Común vén de amosar hoxe a súa sorpresa pola retirada do punto da orde do día da sesión plenaria do vindeiro xoves relativo á modificación urbanística dos terreos da Uceira previstos para a construcción dun novo estadio de fútbol. Ao respecto, o voceiro desta formación política, Adolfo Nogueira, subliñou que “na pasada xunta de voceiros do día 16, o alcalde do Carballiño anunciou que incluiría en pleno a proposta de modificación do chan verde en dotacional para poder comezar os trámites legais do proxecto do estadio pero, unha vez máis, non hai documento algún na convocatoria plenaria”.
No mesmo sentido, dende Espazo Común apuntan que, tendo en conta que “na proposta de orzamentos municipais para 2025 non hai un só euro para este fin e que nos orzamentos da Xunta de Galicia tampouco figura nada ao respecto, temos de novo fume e só fume” por parte do equipo de goberno do Concello. Engaden que “tampouco consta avance algún na proposta feita por Espazo Común de ampliación de Espiñedo, proxecto que se podería desenvolver en moito menos tempo pero que tampouco progresa o máis mínimo”.
E lembran que “é indiscutible que unha renovación das instalacións deportivas do Carballiño é unha necesidade urxente pois, a maiores dos éxitos dos verdes, os rapaces e rapazas da base, están a adestrar en campos prestados fóra da vila ou en quendas de tres e catro equipos nun só campo”.