Un total de 19 restaurantes servirán o tradicional cocido na “XXX Festa da Cachucha” o domingo 9 de marzo no Carballiño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Unha das citas senlleiras da gastronomía de Galicia terá lugar no Carballiño o vindeiro domingo 9 de marzo coa celebración da “XXX Festa da Cachucha”, unha xornada coa que se clausura a programación do Entroido na vila e, por elo, convoca a agrupacións de disfraces e máscaras chegados doutros puntos da xeografía provincial e autonómica. Un festexo que, pola súa traxectoria, aspira a recibir a cualificación de ‘festa de interese turística galega’ e que tamén pecha o calendario de eventos da tempada de inverno.

O programa elaborado pola Concellería de Turismo do Carballiño para ese día abrirase, ás 11,00 horas, cunha animación de rúas e prazas da vila a cargo das charangas Dr. Anchoa, CLK, Castro Bello e Feitizo de Pau, antes da súa participación no desfile dos folions de Tameirón, Petín e Chandrexa. E a partir das 14,00 horas, un total de 19 restaurantes, mesóns e casas de comidas servirán o tradicional cocido de cacheira de porco con grelos ou repolo; carne ao caldeiro, patacas e chourizos, acompañado de pan e viño do Ribeiro, postre típico de orellas, café e licores, e con prezos que oscilan entre os 17€ e os 35€.

Xa pola tarde, ás 17,30 horas está prevista a saída do ‘Gran desfile da Cachucha’, amenizado polas charangas e coa participación das comparsas de Parada de Amoeiro e Cea; Os da Caña (Marín), Os Solfamidas (Campo Lameiro) e As Sonecas (Campelo); as cinco primeiras seleccionadas no concurso do martes de Entroido, A xornada rematará cun gran baile na Praza Maior, dende as 19,00 horas, que correrá a cargo da orquestra Gran Parada.