Sabela Mendoza substitúe a Roberto Pascual á fronte da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Tal e como adiantaba Badal Novas, Sabela Mendoza, converterase na nova directora artística da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, na que substituiría ao carballiñés Roberto Pascual, que renunciou ao seu cargo tras 15 anos ao fronte do festival que reúne no mes de xullo ás mellores compañías do panorama mundial. Este extremo foi confirmado nunha nota de prensa remitida con posterioridade polo Concello de Ribadavia, tendo en conta que a mesa de valoración que levou a cabo o procedemento de selección para a dirección da MIT otorgoulle a Sabela Mendoza, investigadora, creadora e xestora cultural independente, 70 puntos do total de 95 posibles nos apartados técnicos de plan de dirección artística e de experiencia na dirección de proxectos artísticos e culturais en institucións públicas e privadas, se ben obtivo cero puntos (dun máximo de 5) na proposta económica.

Deste xeito, situose por riba das outras candidaturas admitidas polo tribunal, as de Matías Daporta González e de Lúa García Saura, e, por elo, a mesa de contratación resolveu a proposta de adxudicación da dirección da Mostra a favor de Sabela Mendoza. No comunicado do Concello ribadaviense sublíñase que a MIT, que celebrou a súa 40ª edición o ano pasado, “abre unha nova etapa co nomeamento de Sabela Mendoza Fernández como directora artística, tras obter a maior puntuación no proceso de licitación convocado polo Concello de Ribadavia. Mendoza, nada en Santiago de Compostela no 1984, conta cunha ampla traxectoria na xestión cultural e nas artes escénicas contemporáneas, será a encargada de definir a liña artística do festival, consolidando o seu prestixio a nivel galego, estatal e internacional”.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou a importancia deste nomeamento: “Hoxe iniciamos unha nova etapa para a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia cunha profesional de gran prestixio e ampla experiencia como Sabela Mendoza. O seu nomeamento como directora artística garante a continuidade da excelencia e a innovación que caracterizan este festival, ao tempo que reforza a súa proxección no panorama teatral galego, estatal e internacional”. Pola súa banda, Sabela Mendoza apuntou que “Súmome á dirección artística da MIT de Ribadavia con moita ilusión e tamén con moito respecto polo traballo feito, dende a humildade e o compromiso. Esta será unha edición de transición para min e para o equipo da MIT, ao que se incorpora xunto comigo Gena Baamonde, dramaturga e directora de escena con décadas de experiencia, como directora adxunta. 40 anos de andaina son todo un éxito colectivo para un festival que é de todas e todos, e por iso non podemos facer outra cousa que partir dese legado para seguir construíndo”.

O proxecto presentado por Mendoza para a dirección artística da MIT estrutúrase en varias liñas estratéxicas que buscan manter a identidade do festival ao tempo que se aposta pola innovación e a proxección internacional. A MIT debe seguir sendo un espazo de encontro e intercambio para as artes escénicas contemporáneas, fomentando a diversidade e a pluralidade. A programación manterá un alto nivel de excelencia, apostando por espectáculos que transcendan as etiquetas habituais e promovendo a hibridación de formatos, o teatro expandido e as novas dramaturxias.

Segundo a nova directora artística, “a proposta de dirección artística pretende continuar e expandir os valores e liñas de acción da MIT —a conxunción de experiencia, tradición e vangarda que caracteriza ao festival— e seguir afondando nas liñas programáticas habituais, con nomes internacionais de referencia, hibridación de linguaxes, talento galego emerxente e consolidado, coproducións, residencias, os premios, actividades paralelas… Ao tempo que queremos sumar novas propostas e iniciativas, en especial no relativo ao apoio á creación galega, a facilitación de espazos de encontro e de oportunidade para o ecosistema do noso territorio, a aposta pola diversidade e pluralidade na curadoría, a construción de redes de intercambio e a expansión de actividades de mediación e de participación cidadá”.

Entre os obxectivos marcados nesta nova etapa, Mendoza destaca o concepto de Escenas en tránsito como un dos lemas do seu proxecto: “Escenas que transitan dunha linguaxe a outra, dun corpo a outro, dun territorio a outro, que se moven e fan que nos movamos, que producen desprazamentos”. Con esta idea, a MIT busca consolidar a súa posición como un espazo de referencia para a experimentación escénica, sen esquecer o compromiso coa identidade e coa comunidade.

Sabela Mendoza está especializada en danza e artes performativas. comezou como xestora cultural no ano 2008, traballando para Hablar en Arte, Teatro Pradillo, Colectivo RPM, Consultarte, TenerifeLAV, Emprendo Danza, TRCDanza, Proxecta Coordinadora Galega de Festivais de Cinema ou Curtocircuíto, entre outras. No 2016, tras pasar polo Master en Práctica Escéncia e Cultura Visual de ARTEA-UCLM, estreou a súa primeira creación, a conferencia performativa “El público está aquí”, presentada en diversos espazos e festivais de España, México e Uruguai, e publicada posteriormente como libro pola editorial Estraperlo.

Sabela Mendoza tamén é fundadora e directora de ‘De corpos presentes’, plataforma galega para as artes performativas contemporáneas e corresponsable do proxecto de mediación “Escea plural”. No ano 2020 presentou “Dedicatoria”, unha perfomance de longa duración, en colaboración coa poeta Nieves Neira, sendo “Doblez” o seu proxecto máis recente (2022), outra perfomance de danza sobre a relación entre corpos, obxectos e memorias.