O estudantado da provincia coñece ofertas de ensino e traballo na ‘Feira Educativa’ aberta en Expourense

10.30 H.- INAUGURACIÓN DA I FEIRA EDUCATIVA. O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participa na inauguración da I Feira Educativa, Espazo de innovación e colaboración educativa, organizada conxuntamente pola institución provincial e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Expourense. Tamén participan Judith Fernández Novoa (Deirectora Xeral de Ordenación Universitaria Educativa), Rogelio Martínez (Xerente de Expourense), Manuel Pardo (Delegado da Xunta en Ourense) e outras autoridades e colexios da provincia.
II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente da Deputación, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa; o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo; o director territorial de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Jorge Rubén Sampedro Grande; así como polo xerente de Expourense, Rogelio Martínez, participou esta mañá na inauguración da “I Feira Educativa de Ourense”, a primeira experiencia de colaboración no ámbito educativo que reúne nun mesmo espazo a colexios, institutos, centros de FP, universidades e mesmo forzas armadas. Así, desde hoxe e ata mañá xoves, o alumnado de 15 centros educativos da provincia van ter a oportunidade de coñecer a oferta de ensino e o traballo que se fai noutras 15 entidades participantes.

Luis Menor explicou que esta feira, a primeira dunha serie que terá como escenario outros puntos de Galicia, “foi desde o seu xérmolo un obxectivo prioritario para a Deputación de Ourense”, demostrando esa vocación de colaboración institucional traballando conxuntamente co Goberno galego a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. “Unha colaboración que fai da Deputación ourensá a administración provincial galega que máis liñas de cooperación mantén abertas coa Xunta de Galicia”, lembrou Menor.

Así, e dentro desta nova unha nova liña de traballo conxunto, a educativa, Menor expresou o seu convencemento de que as administracións teñen “a obriga de xerar talento entre as novas xeracións”, así como de “reter esas capacidades no noso territorio”. Por último, recalcou o presidente provincial que esta acción ten como obxectivo primordial axudar á mocidade e ás familias nun momento tan crucial como é o de “elixir qué queren ser”, así como amosar “o moito e ben que traballa o sistema educativo”. E confirmou que “todo o que é importante e de interese para a provincia, ten o apoio da Deputación”.

Participación da Deputación cos seus centros formativos

Tamén a Deputación de Ourense está representada nesta feira a través dun expositor no que se ofrece información sobre os centros que imparten obradoiros, música, danza, actividades culturais e deportivas: a Escola de gaitas; Escola de Artes e oficios; Obradoiro de Instrumentos Populares; Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo; e as escolas deportivas do Pazo dos Deportes Paco Paz.

Interacción entre universidades e centros educativos

Esta primeira Feira Educativa ten como obxectivos fundamentais fomentar o intercambio de experiencias; a aprendizaxe colaborativa; e o fortalecemento das relacións entre os diferentes niveis educativos, promovendo a interacción entre universidades e centros educativos para fortalecer o desenvolvemento de boas prácticas pedagóxicas e a formación integral do alumnado.

Tamén buscará propiciar un encontro, onde universidades, centros de formación e outras institucións educativas, expoñan as súas ofertas académicas aos alumnos, familias e colexios, tratando de dar resposta ás necesidades de información sobre a oferta formativa e orientación.

Por último, tamén fixa como meta fomentar a colaboración entre docentes, estudantes e comunidades educativas para compartir experiencias, fortalecer o traballo en rede, crear un espazo de intercambio e impulsar a educación inclusiva e adaptada aos retos sociais e educativos do século XXI.