A Deputación, a través do Inorde e con Turismo de Galicia, incentiva a creación de 20 experiencias ecosostibles no xeodestino Trevinca-Valdeorras

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Unha acción colaborativa facilitou o desenvolvemento de proxectos innovadores e dotou de ferramentas de promoción a 14 emprendedores da zona

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Entre as accións destacan roteiros de montaña, experiencias de apicultura, visitas a monumentos ou catas de viño

Ourense, 11 de abril de 2025.

A Deputación de Ourense, a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), apoia a creación de vinte experiencias ecosostibles e o acompañamento e asesoramento de 14 emprendedores no xeodestino Trevinca-Valdeorras. Unha acción de formación e creación de ecoexperiencias sostibles, no marco do convenio de colaboración da institución ourensá coa Axencia de Turismo de Galicia, posibilitou estes novos proxectos empresariais.

Bodegas Roandi, en Éntoma, acolleu hoxe a presentación das accións e dos produtos emprendedores. O deputado de Turismo e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, foi o encargado de presentar as iniciativas, diante de alcaldes e representantes dos municipios que integran o xeodestino Trevinca-Valdeorras. Entre eles estivo tamén a deputada delegada especial para Valdeorras, María del Carmen González.

Este proxecto proporcionou ferramentas de formación, márketing e venda para que as persoas participantes poidan consolidar as súas ideas e contribuír a fortalecer a cadea de valor do sector turístico local.

Ademais, puxo o foco na sustentabilidade dos servizos ofrecidos, promovendo boas prácticas que non xeran un gran impacto ambiental, e apostando por un modelo turístico responsable, innovador e enraizado no territorio.

As iniciativas abarcan experiencias na natureza, artísticas, gastronómicas, etnográficas, culturais, de aventuras e deportivas.

Entre as propostas desenvolvidas destacan roteiros de montaña e interpretación do territorio, experiencias de apicultura personalizadas, unha granxa-escola, visitas guiadas a monumentos de alto valor patrimonial, unha cata de viño a cegas, e mesmo un retiro centrado na fabricación artesanal de mobles e na recuperación de materiais, coveiro por un día, entre outras iniciativas que combinan creatividade, sustentabilidade e identidade local.

As persoas seleccionadas, foron autónomos, pequenas empresas e representantes municipais que participaron en xornadas grupais e procesos de mentorización individualizada desenvolvidos desde decembro do pasado ano.

Por outra banda, no marco deste convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, tamén se editou unha nova guía completa do xeodestino, impresa en papel, que se distribuíu entre os concellos que forman parte do xeodestino.

Os nove municipios do xeodestino

O xeodestino Trevinca-Valdeorras está integrado polos concellos de A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá y Vilamartín de Valdeorras.

Recompilación de relatos e fotos da iniciativa

É posible coñecer as accións desenvolvidas na web https://ecoexperienciastrevincavaldeorras.com/. Nesta páxina reúnense relatos, fotografías e materiais de cada iniciativa, co obxectivo de facilitar a súa promoción e comercialización a través dos diferentes canais de de venda turística actual.