A Deputación participará nun grupo de traballo coordinado polo INE para un novo sistema de xestión dos padróns municipais

O presidente provincial, Luis Menor, e a delegada do Instituto Nacional de Estatística en Ourense, Isabel Fariñas acordaron colaborar neste proxecto para dar unha mellor resposta á realidade galega e ourensá 

A Deputación presentará unha candidatura para subvencións destinadas á transformación dixital e modernización dos sistemas de xestión do padrón municipal das entidades locais, no marco dos fondos Next Generation. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 5 de decembro de 2023.- A Deputación de Ourense, xunto con outras entidades locais do Estado, participará nun  grupo de traballo coordinado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) para a posta en marcha dun novo sistema de xestión da información sobre o territorio de cada municipio e de intercambio en tempo real entre padróns municipais e o propio instituto de estatística para recoñecer automaticamente calquera variación do padrón.  

Así o anunciou o presidente provincial, Luis Menor, tralo encontro mantido esta mañá no Pazo Provincial coa delegada do INE en Ourense, Isabel Fariñas; o director da área de Transparencia de Goberno Aberto da Deputación, Marcos Valiño;.e o secretario da Deputación, Juan Marquina. 

Isabel Fariñas agradeceu a colaboración da Deputación e a súa disposición a participar neste grupo de traballo que será “moi importante para que o novo sistema de xestión de padrón que se poña en marcha nos vindeiros anos estea adaptado á realidade galega”. O obxectivo deste sistema onlineé que se adapte ás características dos concellos urbanos pero tamén daqueles eminentemente rurais que presentan unhas características distintas, para así “dar unha mellor resposta á realidade galega e ourensá, e que sexa sinxelo para os concellos cambiar do sistema actual a este sistema futuro online“, engadiu Isabel Fariñas.  

Por outra banda, tamén se acordou a colaboración entre ámbalas dúas institucións para a presentación, por parte da Deputación, dunha candidatura para subvencións destinadas á transformación dixital e modernización dos sistemas de xestión do padrón municipal das entidades locais, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) e financiada con fondos Next Generation