O grupo municipal de Espazo Común do Carballiño vén de presentar unha moción na que se solicita a elaboración dun proxecto integral para o Parque e que así se rematen as intervencións “improvisadas” e “ailladas” que se están a acometer nos últimos anos nesta paraxe natural. Esta proposta será debatida pola Corporación Municipal na sesión plenaria convocada para o vindeiro luns, 28 de abril.
As concelleiras e concelleiros de Espazo Común subliñan que “o Parque Municipal é unha das xoias da coroa desta vila é unha máxima que ninguén discute” e “o potencial que ten como área de esparcemento para a veciñanza, para o desenvolvemento de actividades deportivas, culturais e de toda índole”. Lembran que, “dende o ano 2011, o binomio de alcaldes Marnotes-Fumega levan mareando a perdiz cun concurso de ideas que debería ter sido a panacea para a recuperación e posta en valor do noso Parque”, e que, a pesares das mocións aprobadas en Pleno, os obxectivos nunca foron cumpridos.
“E agora vemos como só se executan accións erráticas sen ton nin son, sen un patrón e, o que aínda é peor, sen atender a un orde de prioridades lóxico”, apuntan dende este grupo da oposición do Carballiño. E citan coma exemplo “unha obra na área de Piscifactoría que non encaixa en absoluto co entorno cando a escasos metros a sinalización e a maleza presentan un estado de abandono deplorable”. Engaden que “tamén temos que escoitar case tódalas semanas anuncios de actuacións no Parque que nos deixan un pouco preocupados, como a do escenario para eventos nas Barcias”.
Por todo elo, dende Espazo Común teñen o convencemento de “que para que o Parque volte a ser o orgullo de todo o pobo, cómpre a elaboración dun proxecto integral que abranga toda a súa área e que, de xeito uniforme, debuxe un futuro que se asemelle ao que todos desexamos que sexa”.