

O PSdeG-PSOE de Ourense encara nesta semana a recta final no proceso para a elección da persoa que terá a responsabilidade de dirixir esta formación política na provincia para os vindeiros catro anos, tra-la renuncia do anterior secretario xeral, o senador Rafael Rodríguez Villarino. E un dos seus homes de confianza, Álvaro Vila, alcalde de Taboadela, será quen de medir as súas forzas coa súa homóloga de Pobra de Trives, Patricia Domínguez, na convocatoria electoral do vindeiro domingo, tras conseguir os avales da militancia para presentar as súas respectivas candidaturas.
Os dous candidatos atópanse inmersos estes días en plena campaña electoral e unha das súas paradas será a vila do Arenteiro. Así, Patricia Domínguez presentará esta tarde, ás 19,00 horas ante a militancia do Carballiño as súas propostas para optar á secretaría provincial, mentres para mañá, ás 20,00 horas, está prevista a cita dos afiliados co seu rival, Álvaro Vila, na sede socialista da rúa Perfectino Viéitez.
Avogada de profesión, Patricia Domínguez Barja naceu na Pobra de Trives en 1979, e é alcaldesa deste municipio con maioría absoluta dende 2023. Forma parte da executiva provincial do PSdeG-PSOE dende 2022 e da nacional galega dende o ano pasado. Pola súa banda, Álvaro Vila Araújo (Taboadela, 1965) é funcionario de prisións e tamén obtivo hai dous anos a maioría absoluta para presidir a Corporación desta localidade. Na actualidade é voceiro do grupo socialista na Deputación Provincial de Ourense.