

Despois do descanso da Semana Santa, Cine Club Carballiño reanuda a súa programación con dúas películas nesta próxima fin de semana. Mañá venres, 25 de abril, proxectará un dos filmes máis fermosos e románticos desta tempada, a portuguesa “Grand Tour”, de Miguel Gomes. Rangún, Birmania, 1917. Edward, funcionario do imperio británico, foxe da súa prometida Molly o día que esta chega para casar. Durante a súa viaxe, porén, o pánico da paso á melancolía.
Contemplando o baleiro da súa existencia, o covarde Edward pregúntase que terá sido de Molly. Pero Molly, decidida a casar e divertida pola xogada de Edward, estálle a seguir a pista a través de Asia. A película obtivo o recoñecemento de crítica e público case unánime. Gañou o premio á mellor dirección no Festival de Cannes, á mellor montaxe no Festival de Valladolid e o premio á mellor película Iberoamericana nos Premios Platino. Haberá dous pases, ás 20,00 horas e ás 22,30 horas, os dous en VOS, no Auditorio Manuel María do Carballiño
E o domingo, día 27, Cine Club continúa co seu programa de ‘Filmoteca’, adicada ao cine galego máis recente, neste caso con “As neves”, de Sonia Méndez. Un filme que se centra na historia dun grupo de adolescentes que celebra unha festa de Entroido no pobo de As Neves, onde se desencadean unha serie de acontecementos que cambiaran as súas vidas. Nominada a Mellor película no Festival de Malaga, supuxo o debut da súa directora e converteuse nun dos últimos éxitos do cinema galego, sendo a gañadora na categoría de mellor película na última edición dos Mestre Mateo. O pase será ás 19,00 horas, coma sempre, no Auditorio Manuel María do Carballiño.