Ribadavia aproba o proxecto de ampliación e reforma do seu pavillón polideportivo cun investimento de 1,3 millóns de euros

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Corporación de Ribadavia aprobou hoxe en sesión plenaria a execución das obras de ampliación e reforma do pavillón polideportivo municipal O Consello, unha actuación que, dende o equipo de goberno local, consideran estratéxica para o impulso da práctica deportiva na comarca do Ribeiro. O proxecto conta cun orzamento total de preto de 1,3 millóns de euros, financiados entre a Xunta de Galicia a través da liña de axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL), destinada a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico; a Deputación de Ourense e o Concello.

As obras contemplan a mellora tanto dos espazos deportivos como das zonas comúns, co obxectivo de ofrecer instalacións máis modernas e accesibles para a cidadanía. O pavillón O Consello presta servizo a clubs deportivos de distintas disciplinas —como balonmán, baloncesto…—, ao deporte escolar a través do programa Xogade, e á veciñanza en xeral que desexa mellorar a súa condición física e saúde.

Esta actuación enmárcase no Plan Ribadavia Activa, unha iniciativa municipal que busca fomentar a práctica deportiva entre a poboación, tanto federada como non federada, e promover hábitos de vida saudables. O alcalde de Ribadavia, César Fernández, salientou que a aprobación deste proxecto supón un paso adiante na mellora das infraestruturas deportivas locais, á vez que agradeceu o apoio da Xunta de Galicia para facelo posible.​ O seguinte trámite tras a aprobación plenaria será a licitación da actuación, que se producirá en breve para que as obras podan empezar o antes posible.

Ademais do proxecto do pavillón, o pleno tamén aprobou a Conta Xeral de ano 2024, despois de estar exposta ao público durante un mes. Segundo o infome do interventor municipal, o Concello de Ribadavia xestionou durante o exercicio pasado preto de dous millóns de euros máis dos que orzamentara, procedentes de fondos de outras administracións e adicados maioritariamente a inversións, o que evidencia, a xuízo do rexedor, César Fernández, a capacidade do goberno local para captar fondos e xestionalos. O orzamento aprobado inicialmente para o 2024 fora de 5.387.970 euros e o definitivo, de 7.250.839.