O Bloque Nacionalista Galego celebrará este domingo, 27 de abril, un acto público na Casa do Pobo de Doade, ás 12,00 horas, para abordar os riscos ambientais e sociais do proxecto de megaminaría de litio que pretende instalarse na zona. Baixo o lema “Non á mina de Doade”, o acto contará coa intervención de Noa Presas, deputada do BNG no Parlamento de Galiza, e Daniel Vispo, membro da directiva de ADEGA, que achegarán información sobre os impactos que este proxecto pode ter sobre o territorio, a agua e a poboación local.
O BNG denuncia que o proxecto impulsado pola empresa Recursos Minerales de Galicia, filial do Grupo SAMCA, pretende explotar durante 42 anos máis de 13 hectáreas na parroquia de Beariz, cunha produción prevista de 93.000 toneladas anuais de concentrado de litio. A organización nacionalista alerta de que este modelo de explotación responde a intereses coloniais e da industria militar europea, sen garantías de beneficios reais para a comarca.
A mina afectaría ao río Doade, afluente do Avia, que desemboca no Miño, poñendo en risco ecosistemas fráxiles e xonas protexidas da Rede Natura 2000. Ademais, critican a falta de rigor nos informes ambientais achegados pola empresa, que foron motivo da paralización inicial do proxecto por parte da Xunta no ano 2020. Con este acto, o BNG busca mobilizar á veciñanza para defender os recursos naturais e rexeitar un modelo de espolio que compromete o futuro das comarcas do Arenteiro e o Ribeiro.