
A entrega dos premios da tradiconal ‘Cata Popular’ foi, este mediodía, un dos actos salientables da programación da 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, e que contou coa presenza da presidenta do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Concha Iglesias Pousa, o alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil (coorganizadores do evento); o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, Jose González; o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén e outras autoridades.
Na categoría de ‘Viños brancos de adegas’ resultou galardoado co primeiro premio Cunqueiro Terceiro Milenium 2024 de Adegas Cunqueiro e o viño Ramón do Casar Varietal 2024, de Adega Ramón do Casar, recibiu o segundo premio. Pola súa banda, na categoría ‘Viños brancos de colleiteiros’, levou o primeiro premio Cuñas Davia A Xiada 2024 de Adegas Valdavia, e finalmente, na categoría de ‘Viños tintos’, o galardón foi para Cunqueiro Centenario Mencía 2023 de Adegas Cunqueiro.
Doutra banda, recoñeceuse como ‘Mellor catador de viños brancos de adega’ a Ismael García Hermida, de Abelenda das Penas (Carballeda de Avia), e, como ‘Mellor catador de viños brancos de colleiteiros’, o galardoado foi Brian Leal, veciño da Valenzá (Barbadás), mentres na categoría de ‘Mellor catador de viños tintos’ premiouse a Fátima Montero Xordo, visitante chegada de Santiago de Compostela. Estes galardóns outórganse a aqueles participantes que máis se aproximen aos resultados finais globais dos viños premiados nas distintas categorías.
Na súa intervención, Concha Iglesias quixo agradecer a participación das adegas e colleiteiros, apoiando este evento promocional tan importante para a Denominación de Orixe, sobre todo nesta edición, que foi un pouco máis longa, así como o traballo realizado tanto por parte dos traballadores do Consello Regulador coma do Concello de Ribadavia para levar a cabo esta nova edición. Felicitou tamén aos gañadores da Cata Popular e instou aos visitantes a apurar as últimas horas para probar os seus viños se non tiveron ocasión de catalos aínda. O alcalde de Ribadavia, César Fernández, súmase ás felicitacións ás adegas premiadas na cata e tamén aos agradecementos, resaltando o arduo traballo dos voluntarios, persoal incansable durante os catro días de feira, así como o saber estar de todos os visitantes que logran, ano a ano, converter este evento nunha experiencia única.
A ‘Cata Popular’ é unha actividade xestionada polo Consello Regulador e está dirixida ao público en xeral, que é o que cata e premia os mellores viños da feira segundo o seu propio criterio. A totalidade das 21 marcas presentadas a concurso (10 viños brancos de adegas, cinco brancos de colleiteiros e seis viños tintos) foron valoradas por todos os participantes en cata a cegas, é dicir, sen coñecer a marca do viño que están a probar.
Pola súa banda, o conselleiro de Comercio, José González, sinalou que citas como a ‘Feira do Viño do Ribeiro’ “exemplifican á perfección como os recursos propios do territorio, como o viño da D.O. Ribeiro, son punto de partida para novas iniciativas empresariais que fomentan o desenvolvemento sustentable, a creación de riqueza e a atracción turística, especialmente na Galicia non urbana”.
González salientou, ademais, a capacidade que teñen estes eventos “para revitalizar vilas con historia e identidade propia como Ribadavia, converténdoas en referentes de actividade económica e cultural durante todo o ano”. Nesta liña, referiuse ao éxito da experiencia piloto “Artesanía, saber e sabor”, celebrada o pasado mes de decembro no municipio, e que foi a antesala do proxecto Vilas Vivas, que se desenvolverá ao longo de 2025 co obxectivo de recuperar baixos comerciais en desuso nos cascos históricos de vilas senlleiras, promovendo actividades efémeras durante as fins de semana que integren comercio, gastronomía e turismo.