A dirección do Centro Sociocomunitario do Carballiño vén de programar para o presente mes de maio unha serie de actividades de lecer formativo para a poboación en xeral. Concretamente, trátase dun obradoiro de arte floral que se levará a cabo o vindeiro martes, 27 de maio, e tamén se manteñen os talleres de costura creativa, e que consistirán na elaboración dunha bolsa de tea para levar o pan.
Para o venres día 28, ás 10,30 horas, está prevista a celebración dun obradoiro de musicoterapia, que se enmarca nos cursos que imparte a Escola Galega de Saúde, e que correrá a cargo de Damián Cairo, profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña. As persoas interesadas poden inscribirse previamente de xeito totalmente gratuíto para esta xornada.
A maiores, e con motivo da conemoración do Día das Letras Galegas, adicado á figura das ‘cantareiras’, o grupo de canto e pandeiretas do Centro Sociocomunitario animarán a feira mensual do Carballiño do venres 16 de maio, cunha actuación na Praza Maior da vila. Esta agrupación musical tamén se desprazará ata os colexios da Uceira e Sagrado Corazón para colaborar na conmemoración escolar das Letras Galegas.