O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar unha solicitude de información dirixida ao alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, sobre o estado de salubridade da auga de consumo domiciliario. A formación nacionalista alude á restricción de consumo para uso alimentario decretada polo rexedor de Maside para a veciñanza, “auga que provén da depuradora que abastece tamén ao municipio do Carballiño”.
Por este motivo, e “diante da inseguridade que isto provoca e o perigo para a saúde das carballiñesas e dos carballiñeses que a información dada sobre a orixe da auga pode provocar no consumo da mesma”, rexistraron a devandita solicitude de información, según apuntan dende o BNG carballiñés.
Así, o responsable local do BNG, Manuel Chan, desexa saber “se o problema de contaminación da auga da traída afecta só ao municipio de Maside ou é un problema que tamén se extende ao do Carballiño; e de darse o segundo caso debería actuarse de inmediato tomando as medidas pertinentes para solucionar o problema”. Asemade, para a tranquilidade de toda a veciñanza tamén solicitan “que se fagan públicas as últimas analíticas realizadas por Sanidade da auga do depósito principal que abastece aos municipios do Carballiño e Maside”.