A Denominación de Orixe Ribeiro e varias adegas participaron na Feira Nacional do Viño (FENAVIN), dentro do espazo habilitado pola Xunta de Galicia para as empresas galegas. Trátase do evento vitivinícola de maior envergadura do panorama español, que tivo lugar do 6 ao 8 deste mes no recinto feiral de Ciudad Real. Durante o transcurso da feira, lográronse numerosos contactos para posteriores acordos comerciais, así como éxitos no referente a difusión da imaxe e a marca Ribeiro.
Varias adegas e colleiteiros acudiron cun espazo propio dentro da caseta conxunta “Galicia” habilitado pola Axencia Galega dá Calidade Alimentaria (AGACAL) da Xunta de Galicia, nesta nova edición da feira. O Consello Regulador da D.O. Ribeiro dispuxo dun completo túnel de cata libre cun total de 36 viños, 35 brancos e un tinto.
Como conclusión final á participación, a presidenta do Consello Regulador, Concha Iglesias, comenta “estamos satisfeitos coa feira, é certo que houbo menor volume de visitas que en edicións anteriores, pero os contactos establecidos durante a celebración do evento con empresas pertencentes tanto ao ámbito nacional como internacional son relevantes, destacando a importancia de seguir traballando tras a feira para afianzar acordos e desenvolver a implantación dos viños do Ribeiro en novos mercados”.
As adegas desta Denominación., a máis antiga de Galicia, mostraron un ano máis en FENAVIN a boa evolución dos viños elaborados con variedades autóctonas, sendo moi apreciados polos importadores chegados de diferentes países como Alemaña, Reino Unido, Costa Rica, Canadá, Estados Unidos, Suecia, Dinamarca, Polonia, Países Baixos ou Porto Rico, entre outros. En resumo, o público puido coñecer de primeira man máis de 50 referencias entre viños brancos e tintos dispoñibles entre o túnel do viño e as casetas das adegas presenciais.
Os numerosos importadores, distribuidores, influencers, medios de comunicación, tendas especializadas, restaurantes ou bloggers que se deron cita na feira evidenciaron gran interese por coñecer as características dos viños da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, buscando comprender de primeira man os viños brancos e tintos que nacen da sabia combinación de variedades autóctonas, con predominio da variedade Treixadura en viños brancos, así como o bo saber facer das adegas e colleiteiros do Ribeiro.
FENAVIN
Este 2025, FENAVIN celebra unha nova edición, un evento que se celebra con carácter bienal organizada pola Deputación de Ciudad Real. Posiciónase como a feira monográfica do viño máis importante de España, alcanzando neste ano unha participación de preto de 19.000 compradores nacionais e internacionais. Ademais, as máis de 1.900 empresas do sector presentes en FENAVIN teñen a oportunidade de coincidir nesta edición con moitos profesionais do sector a través dun potente programa de contactos cos compradores.