I O acto de rúbrica terá lugar mañá venres 9 de maio, ás 10.00 h, na Casa do Concello de Celanova
I Realizarán a mostra «Arte en tinta», unha proposta enmarcada no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre o Concello de Celanova, ABANCA e Afundación
08.05.2025. O Concello de Celanova, ABANCA e Afundación asinarán mañá venres 9 de maio un convenio de colaboración cultural mediante o cal realizarán a exposición «Arte en tinta». O acto de rúbrica terá lugar ás 10.00 h na Casa do Concello de Celanova, e contará coa asistencia do alcalde do Concello de Celanova, Antonio Puga; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
A partir dunha escolma de obras da Colección Afundación nace «Arte en tinta», un percorrido por conceptos, temas, estilos e linguaxes, presentes na arte contemporánea, a través de nomes destacados do panorama español e galego. Esta mostra materializa o apoio á técnica do gravado, tan descoñecida coma interesante, e que foi utilizada por algúns dos nomes máis importantes do noso panorama artístico para realizar traballos de grande forza expresiva. Así, o real, o imaxinario e o abstracto conviven nos diferentes procesos e técnicas do gravado (augaforte, augatinta, xilografía, litografía, serigrafía, electrografía, punta seca, etc.). Poderase visitar do 14 de maio ao 18 de xuño na Casa dos Poetas de Celanova.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
Evento | Sinatura do convenio para expoñer «Arte en tinta» |
Lugar | Casa do Concello de Celanova (praza Maior, 1) |
Data e hora | Venres 9 de maio, ás 10.00 h |
Asistentes | Antonio Puga Rodríguez, alcalde do Concello de Celanova Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo |