Culturactiva presenta a súa montaxe “Máis Saaabor!” este domingo no Auditorio do Carballiño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O teatro volta a ser protagonista o vindeiro domingo dentro da programación cultural do Concello do Carballiño correspondente ao presente mes de maio, neste caso cun espectáculo orientado ao público infantil e familiar. Trátase de “Máis Saaabor!”, unha montaxe orixinal de Fran Rei, Felix Rodríguez e Avelino González que vén da man de Culturactiva, no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA).

A función terá lugar este domingo, 18 de maio, no Auditorio Manuel María do Carballiño, ás 18,00 horas, e o prezo da entrada será de 3,50 euros.

A nova casa de xantar de “Máis Saaabor!” abre na vila do Arenteiro, un restaurante do que xorden infinidade de xogos cómicos, xogos máxicos e unha chea de elementos e trebellos cos que cociñar música. Un menú degustación con propostas de todas as latitudes que deixará a todo o público cun moi bo sabor de boca e ganas de repetir. “Máis Saaabor!” é máis. Máis música, máis gastronomía, máis maxia e máis ritmo.

Tra-lo éxito de “Saaabor!”, estreada en marzo de 2017, Félix Rodríguez e Fran Rei convértense de novo en dous recoñecidos e divertidos chefs que nos ofrecen un gorentoso, equilibrado e, sobre todo, ben afinado menú: unha comida moi musical para toda a familia. Unha visita cómica ao mundo dos fogóns para promover o achegamento á cociña, á alimentación variada e saudable.

Unha divertida obra que parte da dirección de Avelino González e con escenografía de Kukas e a participación de Fran Rei e Iván Rodríguez nos deseños respectivos de son e iluminación.