Consideran que as bonificacións no IBI (Imposto sobre Bens Inmobles), no ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) ou na taxa por licenzas urbanísticas poderían contribuír ao aumento de oferta de vivendas que se sumasen a unha bolsa municipal de alugueiro a prezos razoables
“A creación desta bolsa suporía unha garantía para as persoas que arrenden os seus inmobles fronte a posibles impagos ou danos e prezos asequibles para as e os inquilinos”, explica a edil do PSdeG María Fernández Ojea
Ourense, 30 de maio de 2025. Ás medidas anunciadas que solicitarán as e os socialistas do Concello de Ourense para que se elabore un censo de vivendas baleiras e outro das que se atopan en estado de abandono, así como a creación dunha comisión municipal de seguimento do Plan Rexurbe (que inclúa a representantes políticos, técnicos e asociacións veciñais), a publicación periódica dun informe sobre a execución dos fondos destinados á rehabilitación e a priorización da rehabilitación de edificios con maior potencial para alugueiro ou primeira vivenda, súmanse outras como as de establecer incentivos fiscais para persoas propietarias que poñan vivendas en alugueiro público.
Segundo se recolle no texto da iniciativa, actualmente, hai en Ourense arredor de 9.944 vivendas con contrato de alugueiro en vigor, o que representa un 28% dos fogares ourensáns. Aínda así, a oferta de vivenda en alugueiro atópase no seu punto máis baixo e os prezos nunca foran tan elevados. E entidades como a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) advirten, como un dos factores chave a atallar, da desconfianza dos e das propietarias ante posibles cambios lexislativos á conversión de vivendas de alugueiro tradicional en vivendas turísticas e á falta de incentivos fiscais.
“O problema da vivenda debería de ser unha das prioridades do noso goberno municipal e entendemos fundamental fomentar a vivenda pública e o alugueiro a prezos accesibles, sobre todo para aqueles colectivos que teñen maiores dificultades de acceso á mesma como podería ser a xente moza”, expón a edil do PSdeG María Fernández Ojea.
Neste senso, as e os socialistas consideran que as bonificacións no IBI (Imposto sobre Bens Inmobles), no ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) ou na taxa por licenzas urbanísticas poderían contribuír ao aumento de oferta de vivendas que se sumasen a unha bolsa municipal de alugueiro a prezos razoables. “A creación desta bolsa suporía unha garantía para as persoas que arrenden os seus inmobles fronte a posibles impagos ou danos e estaría financiada con fondos públicos”, continúa explicando a tamén secretaría de Función Pública e Xusticia da Comisión Executiva Nacional Galega (CENG) do partido.
“Estaría, ademais, regulada mediante convenios ou programas específicos e fomentaría a creación dun parque de vivenda pública para que os colectivos que adoitan ter máis dificultades de acceso á vivenda puideran ter un lugar no que desenvolver o seu proxecto de vida”, engade a voceira dos e das socialistas no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez. “A vivenda converteuse na máxima preocupación da cidadanía e queremos que deixe de ser un problema para que pase a ser un dereito, como contempla a Constitución española. Por iso solicitamos unha batería de medidas transversais e complementarias para que poidan beneficiarse tanto as e os inquilinos como os e as propietarias”, remata a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.
Enviamos enlace ao audio con declaracións da edil do PSdeG no Concello de Ourense María Fernández Ojea: