O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, asistiu á Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia, que, dende onte ata o vindeiro domingo, 1 de xuño, se está a desenvolver na Ruta do Viño O Ribeiro, en Ribadavia. O delegado estivo acompañado por Juan Casares e Miguel Ángel Viso, deputados ourensáns no Parlamento de Galicia.
As persoas que se acheguen a este evento poderán coñecer as adegas participantes, a través das visitas guiadas e gratuítas ás instalacións. Ademais, hai distintas propostas de actividades, como catas e degustacións, visitas a museos e centros de interpretación relacionados coa viticultura, rutas históricas ou pola natureza, paseos en barco, obradoiros, concertos etc.
Esta 14ª edición está organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños das cinco Denominacións de Orixe galegas: Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, O Ribeiro e Ribeira Sacra.