O conselleiro de Comercio visitou a Praza de Abastos do Carballiño no marco da campaña ‘Quere o teu mercado’

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou a Praza de Abastos do Carballiño, no marco da celebración da campaña ‘Quere o teu mercado’, unha iniciativa internacional á que Galicia se sumou en máis de 60 mercados de toda a Comunidade, como parte do compromiso estratéxico da Xunta co fortalecemento das prazas de abastos como espazos fundamentais do comercio de proximidade e elementos vertebradores do territorio.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

No recinto mercantil estiveron presentes o alcalde, Francisco Fumega, e o tenente de alcalde, José Castro-Gil; a concelleira de Comercio e Emprego, Diana González, e o voceiro da asociación de praceiros, Eligio González. No marco deste acto, a asociación O Potiños instalou unha exposición fotográfica adicada ao mercado, e os asistentes tamén tiveron a oportunidade de degustar os deliciosos combinados de froitas de Amoras e tamén levarse unha bolsa da compra promocional desta campaña.

José González destacou que a praza do Carballiño é un exemplo do potencial que teñen estes espazos cando contan co apoio e impulso necesarios de todas as administracións implicadas. Este mercado recibiu en 2024 unha axuda para a diagnose e, este ano, dispón dunha achega próxima aos 53.000 euros para avanzar no proxecto técnico e na execución das melloras estéticas e funcionais, tal e como comentou Diana González.

Pola súa banda, Eligio González, resaltou o feito de que a Praza carballiñesa está a punto  de cumplir 95 anos, á vez que avogou polo apoio da Xunta e do Concello para que obteña o distintivo de “mercado excelente”.

A edición deste ano de Quere o teu mercado conta coa participación de 63 prazas de abastos localizadas en 52 concellos de toda Galicia, entre eles catro da provincia de Ourense —O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Ribadavia e Ourense—, que suman arredor de 2.550 praceiras e praceiros implicados.