• Nos últimos 4 anos, o cancro de pel aumentou nun 40%. En 2024, diagnosticáronse 21.000 novos casos en España, cifra que podería reducirse significativamente de seguir unhas sinxelas pautas de prevención.
• En Ourense diagnosticáronse, en 2024, 203 casos de cancro de pel segundo o Observatorio do Cancro da Asociación Española Contra o Cancro.
• O principal factor de risco para o desenvolvemento de cancro de pel é evitable e está relacionado coas radiacións ultravioletas, no seu maior parte procedentes da exposición solar excesiva.
• A pel ten memoria, polo que as agresións que as radiacións solares producen nas células vanse acumulando ao longo da vida: a maior exposición, maiores son os riscos.
Ourense, 13 de xuño de 2025.- O cancro de pel é o tipo de cancro máis frecuente e a súa incidencia aumentou nun 40% no últimos catro anos. En 2024, detectáronse case 21.000 novos casos en España, cifra que podería reducirse significativamente se se seguisen algunhas recomendacións de prevención, sinxelas pero vitais.
Ante esta realidade, a Asociación Española contra o Cancro, no marco do Día Europeo da Prevención do Cancro de Pel, que se celebra o 13 de xuño, lanza unha campaña de prevención e fai un chamamento á poboación para protexerse do sol este verán, a principal acción proactiva que se pode levar a cabo para evitar o desenvolvemento dun cancro de pel.
A campaña deste ano está dirixida especialmente a nenos e adolescentes, traballadores ao aire libre e deportistas. A través da web www.protegetupiel.es pódese acceder a contidos e consellos relacionados coa prevención, así como algunhas indicacións prácticas para detectar os síntomas a tempo.
O cancro de pel prodúcese polo crecemento anormal e descontrolado das células cutáneas, alteradas debido á acción da radiación ultravioleta (UV). Esta radiación procede da luz solar ou de fontes artificiais, por iso adoita manifestarse con maior frecuencia nas zonas de pel expostas ao sol.
En 2024 detectáronse en Ourense 203 novos cancros de pel en total. Deles, 155 foron cancro de pel non melanoma e 48 melanoma; o que supón 51 e 16 casos novos cada 100.000 habitantes, respectivamente.
https://observatorio.contraelcancer.es/explora/dimensións-do-cancer
Diferentes tipos de cancro, mesma prevención
Ao falar de cancro de pel, distínguense dúas subtipos principais: os melanomas e os carcinomas cutáneos.
Os melanomas con tumores xeralmente pigmentados que adoitan aparecer con frecuencia na pel do tronco ou extremidades, aínda que poden aparecer noutras zonas do corpo. Son os menos frecuentes de todos os tumores de pel, pero son moi agresivos, xa que poden diseminarse e ter moi mal prognóstico a pesar do seu pequeno tamaño.
Os carcinomas cutáneos son os tumores máis frecuentes a nivel mundial e, de feito, ás veces non se contabilizan nas estatísticas de cancro. Aparecen sobre todo nas rexións de pel máis expostas ao sol: mans, cara, pescozo e coiro cabeludo, principalmente. A pesar da súa frecuencia, estes tumores malignos son de evolución pouco agresiva e adoitan ter bo prognóstico en xeral, aínda que poden orixinar lesións deformantes.
En ambos os casos, a principal causa do seu desenvolvemento son as lesións provocadas polo sol, polo que é imprescindible poñer especial énfase no coidado da pel durante todo o ano, non só durante as vacacións de verán.
Gozar, pero coidando a pel en Ourense
A Asociación en Ourense quere achegarse e informar á cidadanía sobre as medidas preventivas para protexer e coidar a nosa pel. Por iso, está presente no Centro de especialidades en cálea Concello a través dunha mesa informativa con mensaxes de difusión da campaña solar. A semana que vén estarán a informar sobre o risco de exposición solar na zona recreativa de Oira coa colaboración de saúde comunitaria do centro de saúde da Ponte.
A pel ten memoria: a protección desde a infancia é fundamental
Tomar o sol con moderación pode ter moitos beneficios para o organismo e o estado anímico. Con todo, cando se expón a pel ao sol sen protección, os raios ultravioletas (UV) poden causar queimaduras solares, envellecemento prematuro e cancro de pel.
A prevención desde a infancia é fundamental para reducir a incidencia dos danos, porque a pel ten memoria. As agresións que as radiacións solares producen nas células da pel vanse acumulando ao longo da vida: a maior exposición, maiores son os riscos de padecer alteracións e cancro cutáneo. Por iso é importante ter en conta algúns consellos de prevención.
É importante protexerse do sol todos os días, incluíndo os días nubrados, e evitar a exposición directa ao sol, especialmente entre as horas de maior intensidade, entre as 11h e as 17h no verán. Neste sentido, é aconsellable usar protector solar cun factor de protección (FPS) preferiblemente de 50. Recoméndase aplicar 30 minutos antes da exposición ao sol, así como reaplicar cada dúas horas ou tras darse un baño, se se trata dun día na praia ou a piscina.
Sobre as cabinas bronceadoras, a Organización Mundial da Saúde (OMS) clasificounas como canceríxenas para os humanos, indicando que o risco de padecer un cancro de pel aumenta nun 75% se se utilizan camas solares antes dos 30, polo que se aconsella non usalas. Ademais, unha pel bronceada non protexe do dano do sol, polo que é importante seguir protexéndose incluso unha vez bronceados.
A prevención inclúe utilizar roupa adecuada, lentes e examinar a pel
En canto á indumentaria para evitar a exposición directa ao sol, é recomendable protexer a pel e a cabeza con roupa adecuada, que cubra a maior parte posible de pel, e gorras ou chapeus. Utilizar camisas ou camisetas folgadas, de manga longa e transpirables (non fibras de poliéster) é unha boa opción. En canto á vista, é conveniente usar lentes de sol que estean homologadas e teñan filtros para os raios de luz e RUV, xa que así se garante unha protección óptima.
A poboación de risco, como nenos, deportistas, traballadores expostos a actividades ao aire libre, así como persoas con enfermidades ou tratamentos crónicos, deben ter especial coidado, manténdose sempre hidratados e situándose en zonas de sombra o maior tempo posible, ademais de seguir os consellos de prevención anteriormente mencionados.
No referente á detección precoz do cancro de pel tamén é importante examinar a pel frecuentemente, vixiando os lunares e observando posibles asimetrías, bordos irregulares e/o cambios de cor ou de tamaño.