A Subdelegación do Goberno ten rexistrados na actualidade 38 casos de violencia de xénero na comarca do Carballiño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Un total de 38 casos activos de violencia de xénero están actualmente baixo a supervisión da Garda Civil e a Policía Local na comarca, correspondendo 26 deles ao municipio do Carballiño, según os datos que se deron a coñecer na Mesa de Seguimento da Violencia de Xénero, que se reuníu hoxe na Casa do Concello.

A esta xuntanza, que foi presidida por Alida Iglesias, xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Ourense, asistironon a concelleira de Igualdade, Silvia Baranda; traballadoras do Centro de Información á Muller (CIM), e representantes de Garda Civil, Policía Local, Centro de Saúde e dos centros de ensino da vila.

COMERCIAL ORCELLÓN

No caso do municipio carballiñés, faise o seguimento de 26 casos activos, dos que 22 están suxeitos a medidas xudiciais de prohibición de comunicación e achegamento entre agresor e vítima e, en dous deles, as persoas levan instalados dispositivos de localización telemática, según os datos facilitados por Alida Iglesias. Ademais, os axentes da orde supervisan outros seis casos inactivos, nos que a vítima xa non está suxeita a medidas de protección por parte do Xulgado.

Por outra banda, os asistentes coñeceron o novo programa ‘Acopet’ de acollida temporal para as mascotas que son propiedade das vítimas de violencia de xénero, que foi promovido pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e que non supón custe algún para os Concellos. Con este sistema de acollida, as autoridades tentan evitar situacións nas que o agresor ameaza á vítima con facerlle dano á súa mascota, unha especie de ‘violencia vigaria’ dirixida aos animais de compañía e non aos fillos ou fillas.

Na actualidade hai 534 casos de violencia de xénero na provincia de Ourense, dos que 24 están controlados por dispositivos telemáticos de localización e con 76 usuarias do servizo de axuda telefónico coordinado pola Cruz Vermella.

Dende que comezaron os rexistros, no 2003, contabilízanse 1.307 vítimas mortais de violencia de xénero en todo o Estado, correspondendo 73 á Comunidade Galega, e, no que vai de 2025, xa son 13 as persoas asasinadas, unha delas en Galicia.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------