O PSdeG-PSOE aplaude o comezo das obras do tramo da liña de alta velocidade (LAV) entre Taboadela e capital ourensá –coñecido como variante de Ourense– grazas ao pulo do Goberno central de Pedro Sánchez, tralos “incontables paus nas rodas” postos polos
anteriores executivos do PP para “torpedear” e “tombar” esta obra clave. Os
traballos deste tramo, o último da liña troncal galega, xa comezaron cos
movementos de terra na contorna do cambiador de Taboadela.
“As obras están a executarse grazas ao árduo traballo técnico e político de
gobernos socialistas, fronte a un PP que foi unha trituradora de investimentos
para a provincia”, denuncian os e as socialistas. “O Partido Popular é un muro
contra o progreso de Ourense”, aseveran antes de recordar como “o executivo
de Rajoy parou obras, tombou trámites administrativos e chegou a tapiar
túneles”. “Fronte a este pulo dos socialistas, un exministro de Fomento do PP
incluso cuestionou a obra” co “silencio cómplice e vergoñento dos cargos
populares da provincia que aplaudían aquel vergoñento ataque”.
“A variante é o investimento máis importante da historia da terceira cidade de
Galicia”, destacan desde o PSOE. “O único que fixeron entre 2011 e 2018 foi
recortar prestacións técnicas e cuestionar a súa necesidade” co “aplauso de
Feijóo e Baltar”. “Os populares son os responsables máximos de que estas
obras estiveran en barbeito, paralizadas, sen cartos e ao borde do precipicio da
cancelación durante tantos anos”, insisten.
O último tramo da nova liña ferroviaria entre Madrid e Galicia obtivo a
declaración de impacto ambiental en 2011 gobernando o PSOE e permitirá
completar a LAV, mediante un novo trazado de 16,9 quilómetros con dobre vía,
atravesando os municipios de Tabodela, San Cibrao da Viñas e Ourense e
accedendo á estación da capital polo leste.
Os subtramos nos que xa comezaron as obras son os comprendidos entre
Taboadela e Seixalbo e comprenden a execución da plataforma, sendo obxecto
doutros contratos posteriores a superestrutura (vía) e o resto das instalacións
como a electrificación ou a sinalización. Ao longo dos próximos meses está
prevista a licitación das obras dos quilómetros que restan entre Seixalbo e a
estación de Ourense, cuxos proxectos están a ser ultimados.
Os traballos inclúen a integración do ramal de conexión coa liña de ancho
convencional antes da estación de Taboadela e unha nova conexión da
plataforma de alta velocidade coa liña convencional en Seixalvo. Entre as
estruturas singulares destacan dous grandes viadutos sobre os ríos Miño e
Lonia ou un túnel baixo Montealegre.