O Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño acollerá o domingo 15 de novembro o concerto de jazz de Alfonso Medela Trío e Rubén Fernández. O recoñecido músico carballiñés volve subirse ao escenario na súa vila natal cunha nova proposta, na que tocará co seu trío habitual acompañado polo vigués Rubén Fernández. “É un orgullo que un músico da calidade de Alfonso toque aquí, no Carballiño, na súa casa”, resalta Diego Fernández, concelleiro de Cultura.
De formación clásica, Alfonso Medela atopa no jazz e na música moderna a mellor forma de trasladar a súa sensibilidade e expresividade. O artista, recoñecido a nivel nacional pola súa versatilidade, leva percorrido as salas e clubes de jazz máis especializadas de España, onde compartiu escenario con grandes músicos como Carlos Carli, Bob Sands, Bobby Martínez ou Ton Risco.
No concerto do día 15, o carballiñés actuará acompañado de Rubén Fernández, músico especializado en interpretación vocal de jazz e quen tamén atesora unha importante traxectoria no panorama nacional con colaboracións en “Mondo Aéreo”, de Alessandra Patrucco, “Small Axe” de Adriá Plana e Robert Nesta Songs, ou “Araguaia”, de Carles Cases.
A cita musical, enmarcada na Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), permitirá ao público desfrutar do jazz clásico, así como da fusión de estilos e influencias. O concerto arranca ás 19,30 horas e as entradas pódense adquirir por 5 euros esa mesma tarde no despacho de billetes do Auditorio.
















