O apio especializado enmárcase na adhesión da institución provincial ao programa do Centro de Operacións de Ciberseguridade para as Entidades Locais (COCS_EELL)
Os concellos poderán dispoñer de ferramentas e equipamentos que posibilitarán a detección temperá de incidentes, así como servizos de resposta inmediata e xestión de crisis ante calquera incidente de ciberseguridade.
Ourense, 18 de xuño de 2025.
Os concellos ourensáns disporán dun servizo gratuíto para garantir a seguridade das súas instalacións e documentos dixitais grazas á adhesión da Deputación de Ourense ao Centro de Operacións de Ciberseguridade para as Entidades Locais (COCS_EELL).
O director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Marcos Valiño, xunto cos responsables da empresa adxudicataria do programa, explicaron aos representantes municipais, nun encontro de traballo celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a necesidade do proxecto, o seu alcance e obxectivos que se pretenden alcanzar.
Nun mundo cada vez máis dixital, destacou Marcos Valiño, a Deputación de Ourense foi quen de captar os recursos e financiación necesarios para proporcionar todo tipo de servicios de ciberseguridade aos concellos da provincia de forma gratuíta e durante 5 anos.
Os servizos que se ofrecen e que serán xestionados pola Deputación xiran en torno a cinco eixos fundamentais: prevención, protección, detección, resposta e asesoría. Desta forma facilitaranse aos concellos ferramentas e equipamentos que posibilitarán a prevención e detección temperá de incidentes, así como servizos de resposta inmediata e xestión de crisis ante calquera incidente de ciberseguridade.
O responsable da Área de Transparencia reiterou que o proxecto que agora se inicia proporcionará aos concellos ourensáns, en termos de seguridade cibernética, apoio especializado a través dos técnicos do citado departamento en liña coas últimas tecnoloxías, así como asesoría e asistencia técnica para implantar estes servizos e evitar ciberataques de difícil reparación.
Tamén se proporcionará análises previos da situación actual de cada concello, co fin de valorar as necesidades particulares e definir as necesidades reais para cada caso.
Este proxecto, que se enmarca na política de asistencia permanente aos concellos, reafirma a intención da Deputación de Ourense de buscar financiamento e recursos que permitan asistir e axudar ás entidades locais en ámbitos de difícil aplicación e xestión como a ciberseguridade.