
A Concellería de Turismo vén de inaugurar a tempada da Oficina de Turismo do Carballiño, que abríu as súas portas o pasado martes na Alameda da vila, día 1, e pechará o 31 de agosto. O obxectivo deste ano, tal e como apunta Manuel Dacal, edil de Turismo, é superar as máis de 1.000 visitas acadadas o pasado verán.
Xunto coa oficina, tamén se abriron as portas do Museo Etnográfico do Río Arenteiro, para desfrute de veciñanza e visitantes. Ademais, hai visitas guiadas ao templo da Veracruz, a xoia arquitectónica relixiosa de Antonio Palacios. O horario é de 11,00 a 12,00 horas, os venres, con reserva previa na Oficina de Turismo.
Este verán, o Concello carballiñés conta cun convenio de prácticas na Oficina. De feito, nestes días incorpórase unha persoa usuaria de Aspadisi. O horario de atención ao público é de martes a domingo de 10,30 a 13,30 horas e de 16,30 a 19,30 horas.
A procedencia dos máis de 1.000 visitantes que pasaron pola Oficina de Turismo nos meses de xullo e agosto do pasado ano foi moi variada. Porén, a nivel nacional destaca Madrid, Andalucía, Castela e León e Cataluña. A nivel internacional, os que máis se achegaron foron franceses, mexicanos e portugueses.