A asociación veciñal Alarma na Terra de Montes e o colectivo Sos Suído-Seixo en campaña de recollida de alegacións contra o macroproxecto eólico chamarrapio, Xubrintas e Alamoceiros (peol-922 ac) e a mina de litio Doade
A tramitación masiva de proxectos extractivistas irracionais e sen planificación territorial non cesa na Terra de Montes. Ós proxectos eólicos xa coñecidos, e paralizados cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, veñen a sumarse grandes complexos eólicos de tramitación estatal e a Mina de Litio Doade, esta de tramitación autonómica.
Os polígonos eólicos Chamarrapio, Alamoceiros e Xubrintas, afectarían moi negativamente ós concellos de A Estrada (parroquias de Codeseda, Souto e Sabucedo), Campo Lameiro (parroquias de Couso, San Miguel do Campo, Muimenta, Morillas, e San Isidro) e Cerdedo-Cotobade (parroquias de Quireza, Castro, Pedre, Cerdedo, Corredoira, Caroi, Loureiro, Valongo e Aguasantas). Tamén sufrirán os impactos os concellos de A Lama, Fornelos de Montes e Covelo, estes tres no que respecta á Liña de Alta Tensión ata o punto de conexión na Rede Eléctrica en Fontefría.
O macroproxecto eólico que suma 184,23 MW é tramitado polo Estado a través da Subdelegación do Goberno de Pontevedra co código de expediente Peol-922 AC. Consta de 40 aeroxeradores que oscilan entre os 150 e os 220 metros de altura total, 3 subestacións eléctricas concentradoras (unha en Morillas de Campo Lameiro, outra en Corredoira de Cotobade e outra en Covelo), unha Liña de Alta Tensión de 45,5 km, 9 antenas de medición e quilómetros e quilómetros de viais e zanxas con circuitos eléctricos.
Este entramado de polígonos eólicos está promovido polo grupo empresarial Atitlan Helios, a través das subempresas instrumentais con nomes de dinosaurios: Galveosauros Invest S.L., Dakotaraptor Invest S.L., Fukuiraptor Invest S.L. (as tres con capital social de só 3000 euros). Os proxectos foron deseñados por Driza, ao igual que o Macrocomplexo PEol-913 AC, e son os comerciais desta empresa os que están a facer visitas polos territorios afectados.
A meirande parte dos aeroxeradores e infraestruturas plantéxase sobre os montes nos que se desenvolve a tradición Rapa das Bestas de Sabucedo, declarada recentemente Ben de Interese Cultural, e nos que viven os cabalos durante todo o ano. Por exemplo, no Peón, punto de xuntanza e lugar chave no desenvolvemento da Baixa das Bestas, ubicaríanse 3 aeroxeradores de 220 metros de altura. Tamén noutro punto capital como o peche do Castelo, moi próximo a Sabucedo e tan só a 800 metros do curro, situaríase outro aeroxerador de 200 metros de alto total.
No que respecta á afección directa sobre a poboación, os impactos serían gravísimos pois na maior parte das aldeas afectadas atopamos aeroxeradores entre 150 e 200 metros de altura e situados a menos dun quilómetro das aldeas, con casos tan extremos como o de Fornelos e Painceiros (Campo Lameiro) ou a Liña de Alta Tensión e a subestación concentradora na zona da Corredoira (Cerdedo-Cotobade).
MINA DOADE DE LITIO DOADE
Á invasión eólica, súmase desta volta a Mina de Litio na zona de Beariz. O venres 18 de xullo foi publicada no Diario Oficial de Galicia a solicitude de explotación mineira de Alberta I (MINA DOADE), a cal pretende extraer espodumena (mineral de silicato de aluminio e litio), moscovita, feldespato sódico e feldespato potásico. O proxecto está promovido por Recursos Minerales de Galicia S.A. e a súa tramitación corresponde neste caso á Xunta de Galicia.
A explotación directa afectará ós concellos de Beariz, Avión e a A Lama, pero os residuos e a contaminación terá consecuencias en toda a comarca, nos acuíferos e nos territorios polos que discorren os ríos afectados, como o Avia e o Verdugo. Ademáis, outros permisos de investigación vinculados a esta explotación mineira de litio estanse a proxectar nos territorios lindeiros.
CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ALEGACIÓNS
Nestes momentos, ambos os dous proxectos están en fase de información pública e prazo de presentación de alegacións, no caso do macroproxecto eólico PEol-922 AC ata finais de agosto e no da Mina de Litio Doade ata o 2 de setembro.
Dende a Asociación Veciñal Alarma na Terra de Montes animamos á poboación afectada a informase sobre as afeccións que poidan conlevar os mesmos e a participar na presentación de alegacións. En colaboración con SOS SUÍDO-SEIXO iniciamos unha campaña informativa e de recollida de sinaturas contra estes proxectos que poñen en perigo saúde pública e o futuro da nosa comarca.