Os preto de 200 artistas que participan nesta edición das Xornadas de Folclore destacan “o agarimo” que reciben do público, a través dos cálidos e sonoros aplausos despois de cada actuación. Sinalan, ademais, estar “moi contentos” por poder participar neste evento cultural, o mais esperado do verán ourensán.
O lume obriga por segundo día consecutivo a cancelar as actuacións dos grupos de Arxentina, Filipinas e Ucraína. Os membros destas agrupacións sinalaron o seu pesar pola situación que se está a vivir na provincia e aínda que lles gustaría poder amosar o seu repertorio subliñaron “entender perfectamente a gravidade da situación e as prioridades”.
Polo Parque do Malecón de O Barco, ás 22,30 horas, desfilaron esta noite o Ballet Folklórico de Rancagua de Chile, o Royal Tara Dance Academy de Irlanda do Norte e o grupo TSMU de Xeorxia.
O National Honored Song and Dance Ensemble Georgian Folklore, TSMU, de Xeorxia foi fundado en 1984 na Universidade Estatal de Medicina de Tibilisi. A maior parte dos seus compoñentes son estudantes desta disciplina. Nos seus espectáculos, o grupo fai un percorrido pola música e baile do país caucásico, mostrando un folclore con séculos de tradición nas súas costas que amosa a bravura dos seus homes, sempre dispostos á loita, así como a elegancia das mulleres vestidas con fermosos traxes.
Nestes máis de corenta anos de historia, o grupo ten participado en numerosos festivais de todo Europa, e tamén en América e Asia. En 1994, o Ministerio de Cultura de Xeorxia outorgoulles o título de “Conxunto Nacional”, condecoración reservada para as institucións que mellor representan a cultura tradicional do país.
As xornadas están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e dos diferentes concellos que acollen este evento.
Mañá, 15 de agosto: Entrimo e Viana do Bolo
Arxentina, Filipinas e Ucraína levarán os seus repertorios ata a Alameda de Entrimo. O Festival comezará ás 20,30 horas.
Ás 22, 30 horas a Praza Maior de Viana do Bolo acollerá as actuacións das agrupacións procedentes de Chile, Irlanda do Norte e Xeorxia. Tódalas actuacións son gratuítas.