O Conservatorio recupera as súas instalacións tralo remate das obras de aillamento fronte ao gas radon

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño vén de recibir hoxe mesmo o edificio do Conservatorio Profesional e da Escola de Música do Carballiño, tras as obras que obrigaron a trasladar as aulas ao IES Nº 1 do Carballiño durante o pasado curso. A intervención realizouse para mitigar a presenza de gas radon nas instalacións, despois de atoparse altas concentracións no edificio.

A intervención, auditada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), consistiu no illamento do edificio para protexelo fronte ao radon procedente do terreo, reducindo a concentración do mesmo antes de que penetre no inmoble e tamén a concentración do que xa o fixera. O centro contará agora cunha rede de medidores en continuo que activarán a ventilación de forma automática no caso de detectar determinado niveles do citado gas. Seguindo as indicacións do laboratorio de Radón Galicia, a partir do mes de outubro realizarase un seguimiento das concentracións de gas radón nas instalacións.

Tras o remate das obras, as clases retomaranse con normalidade o próximo día 18 de setembro, unha vez recibido o inmoble e culminado o complexo traslado de todos os instrumentos, así como do resto de material docente.

Ademais das obras, cun investimento de 186.000 euros financiada íntegramente polo Concello do Carballiño, o Conservatorio inicia esta nova etapa dispoñendo do seu primeiro plan de auto-proteción, co obxectivo de reforzar a seguridade do alumnado e do persoal docente que traballa no centro.

Este documento foi presentado pola empresa responsable no arranque do curso escolar, o pasado día 2, no claustro de profesores. O plan establece a organización e pautas de actuación a seguir ante unha situación de emerxencia. Neste sentido, define a liña a seguir pola dirección do centro educativo para organizar os medios humanos e materiais co obxectivo de alcanzar unhas condicións de seguridade axeitadas.

O investimento de 186.000 euros incluíu, ademais das obras para solucionar a presenza de radon, a instalación de 86 metros cadrados de moqueta na sala de coro/orquestra/percusión para absorber o sonido, reducir o ruido e mellorar a acústica,  así como a elaboración do mencionado plan de auto-proteción.

Lorena Castro, concelleira de Educación do Concello do Carballiño, agradécelle ao profesorado o esforzo realizado o curso pasado para manter as clases no IES nº 1, ao equipo directivo do centro pola súa implicación, así como ao alumnado e as súas familias.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------