A romaría da Saínza 2025 cumpre 185 anos de vida na edición na que pretende ser declarada festa de interese turístico nacional

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este mércores presentouse en Rairiz de Veiga a programación da Romaría da Saínza, que terá lugar os días 19, 20, 21 e 24 de setembro. A alcaldesa da localidade, Asunción Morgade, destacou este festexo, no que haberá un enfrontamento entre mouros e cristiáns, como unha das máis senlleiras celebracións da Limia e, “se mo permitides, da provincia de Ourense e de toda a comunidade coa que se despiden as grandes festas do verán”.

A alcaldesa estivo acompañada no acto por Ana Míguez, “unha das fieis colaboradoras na organización desta romaría e sen a que non teriamos o éxito de público que ano tras ano se acada”, indicou Morgade. Tamén estaban o capitán do bando cristián, Breogán Prieto, e o mouro -e organizador do combate- José Antonio Bretaña.

A rexedora de Rairiz de Veiga apuntou que “como xa vén sendo habitual, A Saínza programa un calendario de festexos para todos os públicos e sensibilidades. Teremos actividades para a cativada o venres, pero tamén oficios relixiosos para os devotos da Virxe, que os hai e son moitos chegados doutros territorios e, como non, a recreación histórica do combate, o grande reclamo para todos”.

A alcaldesa do municipio subliñou tamén a importancia desta celebración, “que se achega aos 185 anos de historia nesta edición e que vén precedida da aprobación en pleno do inicio do expediente para declarala Festa de Interese Turístico Nacional. É por iso que animamos a todas e todos a participar moi activamente nesta romaría, para facer da festa deste ano unha edición histórica”.

A recreación do combate entre mouros e cristiáns terá lugar o domingo 21, ás 12:45 horas, logo da misa solemne no Campo da Batalla, que comezará ás 12:00 horas, trala procesión dende a Igrexa de San Xoán de Rairiz de Veiga ao Castelo da Saínza.

Ademais, engadiu que a programación completarase con música, destacando a presenza de “orquestras de grandísimo nivel nacional“. Morgade convidou a todos a asistir á Romaría da Saínza e lembrou quenon hai mellor xeito de vivila que desfrutar do entorno natural que nos ofrece a Carballa da Rocha e do espíritu de convivencia que sempre a marcou, rematou.

PROGRAMACIÓN

A romaría comezará o venres ás 13:00 horas co anuncio da festa con descarga de bombas de palenque, pola tarde, haberá xogos populares. Na noite, logo da actuación da Banda de Gaitas do Concello de Rairiz de Veiga no Campo da Festa (21:30 horas), arrincará a segunda edición do festival Saínza Soundscape, coa discoteca móvil “A Gramola Tour Life 360”.

O sábado, ás 19:30 horas, terá lugar a procesión da Nosa Señora da Mercé dende a capela da Saínza ata a igrexa de San Xoán de Rairiz de Veiga. Antes do asalto ao Castelo, a orquestra La Ola ADN ofrecerá un primeiro pase ás 21:30 horas para seguir ás 00:30 horas.

Un dos grandes reclamos desta romaría é a batalla entre os mouros e os cristiáns. O primeiro paso para este combate darase o sábado pola noite. Ás 23:45 horas será o desfile do exército Cristián dende a capela da Saínza ata o campo de batalla. A medianoite, os mouros protagonizarán o asalto ao Castelo. A noite rematará coa discoteca móvil Apocalipsis ás 2:00 horas.

A penúltima xornada comezará de mañá cunha alborada a cargo da charanga Los Támega. Logo, ás 11:30 horas, haberá procesión dende a igrexa de Rairiz de Veiga ata o Castelo da Saínza, acompañada Banda de Gaitas de Rairiz de Veiga. Ao remate, comezará a misa no campo de batalla para dar paso ao combate entre mouros e cristiáns ás 12:45 horas.

A música continuará ás 14:00 horas cunha sesión vermú de Los Támega e, pola tarde, tocará a actuación dun dos pratos fortes desta romaría. A orquestra Panorama City actuará ás 18:30 e ás 19:45 horas. Antes do último pase, renderase homenaxe a persoas destacadas na Romaría da Saínza (19:30 horas).

Os actos rematarán o mércores 24 de setembro, día da festividade da Virxe da Mercé, coa procesión dende a capela da Saínza (12:15 horas). Pola tarde, dende as 18:00 horas, actuará Oro Negro no Campo da Festa.


DATAS E HORAS DE TODOS OS EVENTOS

VENRES 19/09/2025

17:00    XOGOS INFANTÍS no Campo da Festa.

20:00    Actuación de LUCES DE BOHEMIA.

21:30    BANDA DE GAITAS DO CONCELLO DE RAIRIZ DE VEIGA no Campo da Festa e arredores.

22:00    Actuación de LUCES DE BOHEMIA.

00:00    II FESTIVAL SAÍNZA SOUNDSCAPE (Discoteca Móvil A GRAMOLA TOUR LIFE 360) no Campo da Festa.

SÁBADO 20/09/2025

19:00    PROCESIÓN da Nosa Sra. da Mercé da Capela de A Saínza ata a Igrexa San Xoán de Rairiz de Veiga.

21.30    Actuación da Orquestra LA OLA ADN no Campo da Festa.

23:45    DESFILE do EXÉRCITO CRISTIÁN dende a Capela de A Saínza ao Campo do Castelo.

00:00    XVIII Edición “NOITE MOURA: ASALTO AO CASTELO” por parte dos Mouros no Campo de Batalla.

00:30    Verbena coa Orquestra LA OLA ADN no Campo da Festa.

02:00    Actuación da Discoteca Móvil APOCALIPSIS no Campo da Festa.

DOMINGO 21/09/2025

11:00    Descarga de bombas de palenque.

11:30    Charanga LOS TÁMEGA no Campo da Festa e arredores.

11:30    Saída da PROCESIÓN dende a Igrexa San Xoán de Rairiz de Veiga ao Castelo de A Saínza acompañada da ESCOLA DE GAITAS DE RAIRIZ DE VEIGA.

12:00    MISA solemne no Campo de Batalla.

12:45    GRAN COMBATE DE MOUROS E CRISTIÁNS no Campo de Batalla.

14:00    Sesión Vermú coa charanga LOS TÁMEGA no Campo da Festa.

17:00    Actuación da charanga LOS TÁMEGA no Campo da Festa.

18:30    Actuación da orquestra PANORAMA CITY no Campo da Festa.

19:30    HOMENAXE a persoas destacadas na Romaría da Saínza no Campo da Festa.

19:45    Actuación da orquestra PANORAMA CITY no Campo da Festa.

MÉRCORES 24/09/2025

12:15    PROCESIÓN da Nosa Sra. da Mercé dende a Capela de A Saínza.

18:00    Actuación do ORO NEGRO no Campo da Festa.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------