O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asina o acordo para a compensación aos profesionais designados en virtude de requirimento xudicial en procedementos penais cando non exista o recoñecemento do dereito á quenda de oficio
Pese a que a asistencia xurídica gratuíta é competencia estatal, a Xunta retribúe cos baremos vixentes mediante este convenio conceptos que non recolle a normativa estatal
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou co presidente do Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais, José Antonio Fandiño, a renovación do convenio para compensar economicamente aos procuradores designados en virtude de requirimento xudicial cando non exista un recoñecemento expreso do dereito de asistencia xurídica gratuíta. A través do acordo, a Xunta aboará ata 75.000 euros para darlle cobertura aos gastos xustificados segundo o convenio para lograr a maior eficacia posible na asignación dos recursos.
O obxectivo deste acordo é outorgar cobertura económica a aquelas actuacións dos procuradores realizadas en procedementos penais nos que se produce a designación de en virtude de requirimento xudicial para a representación de persoas físicas nos cales non se produza a concesión da xustiza gratuíta no prazo dun ano dende a designación, ben por non se tramitar, ben porque a persoa beneficiaria da mesma non achegou a documentación requirida -por mor de faltar a sinatura da persoa interesada na correspondente solicitude que autorice o acceso á información económica por parte da Administración ou por insuficiencia na documentación requirida-, pero consten evidencias obxectivas da insuficiencia de recursos da persoa asistida.
Mediante este convenio, o Goberno galego prestará ao Consello Galego dos Procuradores os medios adecuados para que presten a representación procesual de persoas físicas no proceso penal segundo as contías establecidas nos baremos de compensación económica previstos para as actuacións destes profesionais no ámbito da asistencia xurídica gratuíta.
Este convenio é parte dos acordos renovados para compensar aos colexios de avogacía e de procuradoría polas actuacións dos seus colexiados na prestación deste servizo, establecendo o baremo e as bases de compensación económica de asistencia xurídica gratuíta destes profesionais.
Pese a que se trata dunha competencia estatal, o Goberno galego financia a asistencia xurídica gratuíta en favor de persoas sen recursos suficientes mediante compensacións a través dos colexios profesionais e reserva para este fin máis de 15 millóns de euros nos orzamentos de 2025 (un 8,6% máis que en 2024) cos que se compensarán as accións na quenda de oficio realizadas durante o últimos trimestre de 2024 e nos tres primeiros de 2025. Así, Galicia sitúase nos primeiros postos a nivel estatal na compensación a estes profesionais e, tras o último acordo, destaca tamén por incluír o maior número de conceptos e axilidade na tramitación da indemnización.