CARBALLIÑO – A vontade cidadá fixo eco no balcón do consistorio. Tras días de presión e un escrito presentado por un grupo de veciñas e veciños, o Concello do Carballiño colocou este venres a bandeira de Palestina na súa fachada principal, accedendo así á petición de mostrar publicamente o seu apoio ao pobo palestino e o rexeitamento á ofensiva israelí en Gaza sumándose así ao acordo da Comisión Executiva da Fegamp.
O xesto, visíbel dende a praza do concello, pon fin provisionalmente a unha controversia xerada pola aparente inacción do equipo de goberno. A medida chega como resposta ao documento titulado “A Atención do Goberno Municipal do Carballiño”, no que os asinantes esixían con urxencia un posicionamento claro e criticaban a falta de “empatía e iniciativa” das autoridades locais.

O texto veciñal, que xestionou esta publicación, era un chamamento á conciencia. Nel, os promotores da iniciativa declarábanse partidarios de “contribuír á solidariedade” e distanciábanse de quen “pasa pola vida, de perfil, sen implicarse, sen o mínimo rastro de humanidade”. A súa pregunta máis directa—“Que lle impide ao Concello poñer unha bandeira, unha pancarta; reclamando o fin da masacre asasina?”—foi, á vista dos feitos, contestada coa acción.
A descrición da situación en Palestina como unha crise humanitaria que afecta á poboación civil “indefensa”, sometida a bombardeos e “condenados a unha morte por fame”, parece ter calado na institución. A colocación da bandeira interpretase como un xeito de sumar a voz do municipio ás numerosas voces internacionais que esixan un alto o fogo e a protección dos civís.
Aínda que dende o goberno municipal non se fixo pública unha declaración formal que acompañe o xesto, a imaxe da bandeira ondeada no balcón é, para moitos, unha resposta non verbal pero elocuente. Supón un recoñecemento á mobilización veciñal e unha aceptación de que as institucións locais, mesmo ás máis afastadas xeograficamente do conflito, teñen un papel que xogar na defensa dos dereitos humanos e na denuncia das inxustizas.
A acción pecha provisionalmente un capítulo de reivindicación cidadá, mais abre o debate sobre o papel dos concellos en política internacional. Os veciños que impulsaron a iniciativa recibiron o xesto con satisfacción, aínda que permanecen atentos a futuras accións. O caso do Carballiño converteuse así nun exemplo de como a presión comunitaria pode influír na acción política local, trasladando a solidariedade internacional dende as bases até os balcóns institucionais.
Nas redes sociais o Concello publicou onte 19 de setembro o seguinte texto:
Esta mañá colocamos no balcón da Casa do Concello unha pancarta de apoio a Gaza, sumándonos así ao acordo da Comisión Executiva da Fegamp de condenar o que está a ocorrer en Palestina.
Por elo, tamén solicitamos:
Que o goberno de Israel poña fin ao bloqueo humanitario imposto a Gaza, garantindo, baixo a coordinación de Nacións Unidas, o acceso completo e sen restricións da poboación de Gaza á asistencia humanitaria en base aos principios de imparcialidade, independencia e neutralidade e poñan fin á ocupación israelí de Gaza, poñendo en práctica a opinión consultiva da Corte Internacional de Xustiza de xullo de 2024 que declaraba ilegal a ocupación por Israel de Gaza e de Cisxordania, incluída Xerusalén Oriental.
Que o goberno de Israel e Hamás acorden e manteñan un cese do fogo inmediato e sostido encamiñado a protexer a vida da poboación civil en Gaza e se garantan as vías seguras para a entrada de axuda humanitaria na Franxa de Gaza.
Que o goberno israelí deixe inmediatamente de cometer actos prohibidos na Convención sobre o Xenocidio contra a poboación palestina de Gaza.
Que a organización terrorista Hamás e outros grupos armados en Gaza liberen inmediatamente aos civís israelís e estranxeiros retidos como reféns, e Israel libere ás persoas palestinas detidas arbitrariamente.
Que a Unión Europea desenvolva urxentemente a iniciativa política e diplomática necesaria en favor dos dereitos humanos, a xustiza e a rendición de contas, para que se garanta o respecto aos Convenios de Xenebra que esixen, como mínimo, que todos os Estados suspendan as transferencias de armas ás partes no conflito, cooperen para garantir a rendición de contas por violacións do dereito internacional e apoien as institucións e mecanismos internacionais, incluídas as investigacións da Corte Penal Internacional e da Comisión de Investigación da ONU sobre o Territorio Palestino Ocupado.
Que a Unión Europea se opoña frontalmente a calquera intento de establecer unha presenza militar israelí permanente en Gaza, de modificar as súas fronteiras ou de deportar á poboación palestina de Gaza ou Cisxordania, e recoñeza que este traslado forzoso é unha grave infracción do Cuarto Convenio de Xenebra e constitúe un crime de guerra.
Que os concellos e as deputacións provinciais galegas condenen enerxicamente toda forma de antisemitismo e islamofobia, reafirmando o compromiso co respecto a todas as comunidades, culturas e relixións, e expresando a súa solidariedade con todas as vítimas, especialmente coas persoas desprazadas, feridas ou que perderon aos seus seres queridos.
En O Carballiño, a 19 de setembro de 2025.