O BNG sinala que, tal e como xa advertiran en relación aos nomeamentos do TEA, a sentenza do TSXG que desestima o recurso do Concello de Ourense e ratifica a súa condena por vulneración de dereitos do Interventor deixa en evidencia a PP e DO

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A sentenza ratifica a condena do Concello de Ourense pola vulneración de dereitos do Interventor municipal cando este foi cesado por Jácome polo que debe ser reposto en todos os seus postos, incluído o de vogal titular do TEA

No Pleno de setembro, o BNG solicitou a retirada da orde do día do expediente no que se pretendían nomear Presidente e vogal suplente deste órgano até coñecer a decisión xudicial, feito que DO e PP rexeitaron

Ourense, 20 de setembro de 2025. No Pleno ordinario do Concello de Ourense celebrado o pasado día 5 de setembro, un dos puntos da orde do día referíase á proposta do Goberno Local de nomeamento do Presidente e do vogal suplente do Tribunal Económico Administrativo (TEA). 

Ao inicio do debate, o Portavoz do Grupo municipal do BNG Luís Seara, solicitou a retirada do mesmo da orde do día xa que “o Concello estaba á espera de coñecer a decisión do TSXG a respecto do recurso presentado contra a sentenza condenatoria por vulneración de dereitos do Interventor municipal ao ser cesado por Jácome do seu posto”.

Pero o certo é que coa sentenza do 18 de novembro de 2024 ditada no Procedemento de Dereitos Fundamentais 110/24 polo Xulgado do Contencioso Administrativo Número 1 de Ourense, o Interventor tiña que ser restituído en todos os seus postos, incluído o de vogal titular do TEA, extremo que ratifica a sentenza do TSXG.

Seara lembra que “naquel momento, desde o BNG entendiamos máis acaído agardar a que a xustiza resolvese o recurso e en función diso abordar a renovación do TEA tendo en conta a decisión que o TSXG puidese adoptar” e engade, “dita retirada foi rexeitada e duramente cuestionada por DO e PP, aos cales agora terán que explicar que efectos ten sobre a decisión adoptada nese Pleno e como teñen previsto executar dita sentenza”.

O Portavoz do BNG acusa aos Populares de “sumisión absoluta a Jácome”, feito que propicia “situacións tan ridículas como as vividas durante o debate deste punto no Pleno xa que nin tan sequera eran coñecedores de que para que o expediente saíse adiante era precisa a maioría absoluta da Corporación, polo que, para non deixar a Jácome tirado e co cú ao aire, mudaron nese momento o seu voto, que era de abstención, e votaron xunto a DO”.

No BNG teñen claro que “o PP é igualmente cómplice e culpable das consecuencias que esa decisión e agora a do TSXG poida ter sobre este Órgano tan importante do Concello e sobre as propias arcas municipais”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------