Un tramo no Parque Municipal abre na tarde de hoxe o ‘IV Rallye Comarca do Carballiño’

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Carballiño, Piñor, Maside, San Amaro e San Cristovo de Cea, na comarca do Carballiño; Leiro e Ribadavia, no Ribeiro, e Amoeiro, son os concellos que, dende a tarde hoxe, integrarán o circuito do ‘IV Rallye Comarca do Carballiño’, organizado pola escudería JLB Motor Sport coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.

Un total de 153 pilotos están inscritos nesta proba intercomarcal, que sumará un percorrido total de 402,6 quilómetros distribuídos en cinco seccións e 25 tramos cronometrados, coa apertura, hoxe, venres, do primeiro tramo na avenida do Arenteiro do Parque Municipal, con saída ás 20,00 horas dende o parque pechado da praza da Veracruz.

A xornada de mañá, sábado, día 27, abrirase ás 7,47 h co tramo Piñor-Cea, ao que seguirán un primeiro paso polo de San Amaro (8,45 h) e o segundo do Piñor-Cea (12,13 h), rematando a matinal ás 13,11 h co segundo paso por San Amaro. A competición vespertina iniciarase ás 17,17 h coa primeira pasada polo circuito de Leiro e a primeira do tramo Amoeiro-Maside (18,20 h), rematando xa pola noite con Leiro (21,17 h) e co segundo e último paso polo trazado Amoeiro-Maside (22,20 h).

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------