O ciclista limiao, Carlos Canal, premio Pedra Alta 2025.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

VIII EDICIÓN DO PREMIO PEDRA ALTA que concede a Asociación Padroado do Museo da Limia (Vilar de Santos) a persoas ou entidades cuxa obra ou labor é capaz de proxectar unha pegada merecente de consideración nas Terras do Limia, ou fóra delas, se a súa a nacenza acontece neste territorio.

A Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia (Vilar de Santos), a proposta do seu Consello Asesor, na xuntanza celebrada este xoves, 30 de outubro, á que asistiron arredor de 20 membros, acorda concederlle o PREMIO PEDRA ALTA 2025, na súa VIII edición, ao ciclista limiao, Carlos Canal (Xinzo de Limia, 2021).

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Na persoa de Carlos Canal, un rapaz novo que, mercé ao seu esforzo é un deportista de elite de referencia no mundo do ciclismo, o Museo da Limia quere renderlle unha homenaxe aos limiaos e limiás que usaron e usan a bicicleta como vehículo de desprazamento e paseo, respectuoso co medio ambiente, e aos talleres de bicicletas que tanta importancia tiveron na nosa comarca.

Carlos Canal Blanco (Xinzo de Limia, 28/06/2001), corredor profesional do Equipo Movistar Iniciase no ciclismo na Escola de Ciclismo JA Hermida do Club Ciclista Maceda, onde entra con 14 anos. Permanece no club de Maceda ata finalizar a categoria Junior, pasando á categoría profesional co equipo Burgos-BH, dando o salto directamente dende a categoría Junior, algo moi complicado no mundo do ciclismo.
Os resultados acadados co Club Ciclista Maceda, onde ademais de lograr varios Campionatos de España, tanto na disciplina de Btt como de Ciclocross, venceu en dúas Copas do Mundo Junior de Btt, e subiu o podio en sendas copas do mundo de Ciclocross en Francia e Holanda. Estes e outros logros valéronlle para que o mundo profesional lle abrira as portas.

Pasou polo equipo Burgos Bh e de aí ao equipo Euskatel Euskadi, cos que participou na Vuelta a España e outras carreiras de máximo nivel. O seu bo facer, fixo que Movistar, equipo da máxima categoría no mundo do ciclismo o fichara. Carlos, con apenas 24 anos, leva tomado parte nas mellores probas do Ciclismo mundial, sobre todo na especialidade de clásicas, progresando ano a ano, e participando nas últimas carreiras e cos mellores corredores do mundo, quedando ás portas de acadar algunha victoria que, máis cedo que tarde, chegará. Carlos Canal é hoxe o mellor ciclista galego de estrada e o único que milita nun equipo categoria World Tour. É o referente do ciclismo galego, e é un ciclista que se move entre a elite do ciclismo, levando o nome da Limia por todo o mundo.

A bicicleta é un medio de transporte moi arraigado na Limia, onde homes e mulleres a seguen utilizando para os desprazamentos e paseos pola nosa comarca, como medio respectuoso co medio ambiente. Coa concesión deste galardón ao ciclista limiao, Carlos Canal, tamén queremos animar á mocidade limiá a que practique este deporte, aos limiaos e limiás a que usen con maior intensidade a bicicleta, para coidar a nosa saúde e a saúde que tanto necesita a nosa comarca.

[A entrega do galardón, unha réplica en granito da Pedra Alta (contrinución altruísta do noso escultor Xosé Lois Carreira) acompañada dun diploma acreditativo, terá lugar nun acto público solemne que se celebrará no Museo da Limia (Vilar de Santos). Como vén sendo habitual, o acompañamento musical correrá a cargo do pianista Luis Humberto Cao e do tenor Baldomero Pavón. A xornada festiva concluirá cun xantar (un cocido limiao), custeado polos asistentes que decidan acompañarnos]

Antón Jardón

Coordinador da Asociación Padroado do Museo Etnolóxico da Limia

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------