A sede da Agrupación Socialista do Carballiño volve ser obxecto de vandalismo cunha pintada diante da fachada

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A sede da Agrupación Local do PSdeG-PSOE do Carballiño apareceu na mañá de hoxe cunha pintada diante da fachada, na céntrica rúa Perfectino Viéitez da vila. Esta reprobable acción vandálica empañou a primeira xornada de portas abertas do colectivo socialista, promovida dende a nova executiva local e que terá continuidade tódolos primeiros sábados de mes. Foron os propios integrantes da directiva do PSdeG-PSOE carballiñés os que se atoparon coa pintada, que con toda seguridade foi realizada de madrugada ou na noite anterior.

Un acto de vandalismo contra a sede socialista que xa é o segundo no que vai de ano, xa que o pasado 15 de febreiro o escaparate da fachada era obxecto dun apedreamento que causou serios danos na cristaleira, mentres no chan da rúa aparecía o adoquín que previsiblemente foi utilizado para rachar a estrutura de protección do local.

Dende a executiva que dirixe o secretario local, Manuel Sotelo Vila, emitíuse un comunicado no que se apunta: “Ante o novo acto vandálico que sufríu esta pasado noite a sede da nosa Agrupación Local do PSdeG-PSOE do Carballiño en forma de pintada inxuriosa, queremos salientar que non nos sentimos amedrentados por esta acción, senón todo o contrario, cada agresión fainos reafirmar que imos polo camiño correcto e que os violentos non teñen cabida nesta sociedade. Tamén facemos un chamamento á reflexión a aquelas forzas politicas que teñen na confrontación e na mentira o seu facer diario, dándolles azos ós violentos. A dirección local do PSdeG-PSOE interporá unha denuncia ante a Policía Local do Carballiño, agardando que o autor ou autores deste acto vandálico poidan ser identificados e suxeitos á sanción pertinente que estipula a Lei para este tipo de actos”.

Un equipo da brigada de limpeza do Concello do Carballiño procedeu, ao mediodía, ao borrado da pintada para evitar que o produto usado no gráfico poidese contaminar as lousas do pavimentado da rúa e facer máis difícil a súa eliminación.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------