Espazo Común pregunta ao goberno do Carballiño sobre a ampliación de Espiñedo e a tala de árbores no Parque

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, convocou para o vindeiro mércores, 29 de outubro, dúas sesións de pleno da Corporación Municipal. A primeira, de carácter extraordinario, foi solicitada polo grupo municipal de Espazo Común co obxectivo de conseguir a anulación do convenio asinado polo Concello do Carballiño coas empresas promotoras dos parques eólicos proxectados na contorna e cuxas liñas de evacuación de alta tensión atravesarían varios núcleos de poboación do municipio. Unha proposta cuxo debate de urxencia foi rexeitado na pasada sesión plenaria cos votos dos grupos socialista e popular.

“Confiamos en que isto sexa explicado e aclarado polo grupo de goberno de PSOE e PP, xa que estes proxectos só buscan o beneficio de determinadas empresas que veñen a esquilmar o noso monte e a nosa terra, un convenio que incluso obriga ao Concello a manter confidencialidade absoluta sobre os seus termos”, indicou o voceiro de Espazo Común, Adolfo Nogueira, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado de Érika Paz e Francisco Fraga, concelleiros desta formación política.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Asemade, unha vez rematada a sesión extraordinaria, a Corporación carballiñesa reunirase na ordinaria correspondente ao mes de outubro, e na que a orde do día inclúe tamén dúas mocións de Espazo Común. Unha delas, relativa ao proxecto de ampliación do estadio municipal de Espiñedo. Adolfo Nogueira lembrou, ao respecto, que “hai xa ano e medio que presentamos unha moción sobre elo e foi aprobada, para facer unha modificación do PXOM e adquirir os terreos colindantes e, a día de hoxe, moi pouquiña cousa se avanzou”. O voceiro instou ao equipo de goberno a “dar explicacións serias e que se nos facilite toda a documentación” sobre elo.

Outra proposta de Espazo Común refírese aos recentes traballos de poda e tala de especies arbóreas no Parque Municipal, promovidas dende a Concellería de Medio Ambiente. “Estánse a facer sen ningún tipo de criterio técnico obxectivo, xa que estamos vendo coma árbores secas se deixan e tálanse outras que semellan estar ben”, apuntou Adolfo Nogueira. Por elo solicitan documentación sobre os informes técnicos, proxecto e empresa que leva a cabo estes traballos, non descartando pedir a reprobación da propia responsable do devandito departamento municipal, a popular Elvira Torres.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------