O Arenteiro Fotográfico despídese ata o próximo ano tras o éxito de participación desta edición, a primeira no Auditorio Manuel María. Desde o 13 de setembro e ata o pasado domingo, o público puido desfrutar de 17 exposicións de temática e perspectivas variadas.
O alcalde, Francisco Fumega, destacou no acto de peche da mostra a boa resposta do público, o que dá conta da importancia de apoiar as iniciativas culturais, “un eido no que O Carballiño sempre foi moi activo e mesmo pioneiro, con iniciativas coma esta, o festival de teatro ou as Xornadas de Cine e Video de Galicia (Xociviga), que precisamente comezarán o próximo 19 de novembro”.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Pola súa parte, Manuel Blanco, presidente da Asociación Fotográfica O Potiños, impulsora do Arenteiro Fotográfico, valora moi en positivo a edición deste 2025: “Estivemos nun local excepcional que creo que serviu para darlle unha maior amplitude e visibilidade á mostra”.
O Auditorio Manuel María do Carballiño favoreceu a gran afluencia de visitantes, que se achegaron para desfrutar de teatro ou cine e aproveitaron para descubrir as exposicións fotográficas. “Ao ter centralizada a cultura no Auditorio compartimos público co resto de actividades”, apunta Blanco.
Nese sentido, agradece a colaboración do edil de Cultura, Diego Fernández, e do resto do goberno municipal, pola cesión do espazo. “Da edición deste ano tamén temos que salientar a presenza dun fotoxornalista de nivel mundial como é Gervasio Sánchez, quen nos ofreceu unha magnífica masterclass”, recorda Manuel Blanco, que asegura que O Potiños xa ten a mirada posta na edición de 2026.
















